Un Nadal entre cascallos: Israel non dá tregua nin nas festas e eleva a case 21.000 as mortes en Palestina

A noite do 24 ao 25 de decembro foi unha das máis letais dentro da Faixa: máis de 250 persoas falecidas e 500 feridas de diversa consideración.
Recreación do nacemento do Neno Xesús na Igrexa Evanxélica Luterana de Nadal, na cidade palestina de Belén. (Foto: Isaac Munther / Evangelical Luther / DPA)
photo_camera Recreación do nacemento do Neno Xesús na Igrexa Evanxélica Luterana de Nadal, na cidade palestina de Belén. (Foto: Isaac Munther / Evangelical Luther / DPA)

O Nadal é tempo de paparotas, de arrexuntarse coa familia e de gozar do tempo e a compañía. A festividade parte do relato bíblico do nacemento do neno Xesús nun presebe de Belén, na antiga rexión de Xudea. Unha cidade hoxe controlada pola Autoridade Palestina de Mahmoud Abbas e na que a súa poboación non ten nada que celebrar nun ano marcado polos incesantes ataques israelíes que deixaron, só desde o pasado 7 de outubro, máis de 20.600 mortos en Gaza —máis unhas 7.000 desaparecidas baixo os edificios derruídos— e perto de 300 en Cisxordania —a mans tanto de militares como de colonos—.

Nestas festas os tradicionais beléns mostran un Xesús arrodeado de cascallos, valos e restos de munición. A mula, o boi ou a Virxe perden protagonismo fronte a unha das guerras máis mortíferas e cruentas da historia recente, non xa de Palestina, senón do mundo enteiro. Esta Noiteboa, mentres na Galiza o marisco desfilaba de man en man con panxoliñas de fondo, en Gaza facíano as bombas acompañadas de estrondosas explosións.

Lonxe de deter a ofensiva durante unha das datas máis sinaladas do ano e promover un alto o fogo —polo menos temporal, após bloquear os Estados Unidos en máis dunha ocasión unha tregua permanente—, a noite do 24 ao 25 de decembro foi unha das máis letais dentro da Faixa: máis de 250 persoas falecidas e 500 feridas de diversa consideración, segundo cifras achegadas polas autoridades sanitarias palestinas. Un mínimo de 70 mortes foron consecuencia do ataque sobre o campo de refuxiados de Al Maghazi.

"É unha batalla feroz, violenta e sen precedentes", denunciou o líder de Hamás en Gaza, Yahya Sinwar, no seu primeiro discurso público desde que comezaron os bombardeos israelíes, recollido polo xornal The Times of Israel. Con todo, asegurou que a milicia palestina está en vías de conseguir a vitoria e que en ningún caso se someterá "ás condicións da ocupación". "As Brigadas de Al Qasam destruirán o exército de ocupación, están en camiño de esmagalo", dixo.

Esta segunda feira, en pleno Nadal, un equipo da Organización Mundial da Saúde (OMS) desprazouse até o hospital de Al Aqsa, onde foron trasladadas decenas de persoas feridas. Os relatos que escoitaron tanto do persoal sanitario como da poboación civil, e que puideron corroborar en primeira persoa, son "desgarradores", afirmou o director xeral do organismo, Tedros Adhanom Ghebreyesus. "A OMS está extremadamente preocupada pola presión insoportábel que a escalada de hostilidades está a exercer sobre os poucos hospitais de Gaza que permanecen abertos, coa maior parte do sistema de saúde decimado e axeonllado", lamentou.

Desde o Ministerio de Exteriores de Palestina volveron cargar hoxe duramente contra o Goberno israelí de Benjamin Netanyahu e os seu "plan" de "baleirar" a Faixa de Gaza provocando a "migración forzosa" da súa poboación cara a outros países. As "verdadeiras intencións" de Netanyahu, censuraron, pasan por executar unha "guerra de aniquilación e destrución integral desde o norte até o centro e sur de Gaza", nunha operación militar cuxo fin último é realmente unha "limpeza étnica racista" para facer do enclave un territorio "inhabitábel".

E para logralo, precisaron, as Forzas Armadas hebreas "céntranse en demoler hospitais, refuxios e todos os compoñentes da vida humana, incluíndo o ar, a electricidade e o combustíbel". As autoridades palestinas cren que Israel bota man das "formas de exterminio máis horríbeis e difíciles de imaxinar".

Comentarios