"Non confío en ningún outro socialista": o primeiro ministro luso volve apoiar Costa para presidir o Consello Europeo

Aberta unha investigación pola filtración de escoitas ao ex líder do PS.
O primeiro ministro luso, António Costa, ao presentar a súa dimisión. (Foto: Europa Press / Contacto / Leonardo Negrão / Global Imag)
photo_camera O primeiro ministro luso, António Costa, ao presentar a súa dimisión. (Foto: Europa Press / Contacto / Leonardo Negrão / Global Imag)

“Non confío en ningún outro socialista en Europa para desempeñar este papel”, subliñou o primeiro ministro luso, o conservador Luís Montenegro (Partido Social Democrata, PSD), en alusión á candidatura do seu predecesor, António Costa, do Partido Socialista (PS), para presidir o Consello Europeo, recolleron a cuarta feira medios internacionais.

Tras as primeiras conversas ao respecto entre as e os líderes dos Estados membros da Unión Europea (UE), Montenegro asegurou que é “optimista”, incidindo en que pode “tender pontes” entre os 27 membros do bloque comunitario tendo en conta a experiencia de Costa á fronte do Executivo portugués.

Filtración na Xustiza

En paralelo, a canle CNN Portugal difundiu unha transcrición de escoitas que forman parte da investigación de corrupción que levou Costa a presentar a súa dimisión o pasado ano, nunha das que o daquela primeiro ministro ordenou ao titular de Infraestruturas, João Galamba, despedir Christine Ourmières-Widener, directora executiva da TAP Air Portugal, logo de coñecerse que a ex administradora da empresa Alexandra Reis recibiu medio millón de euros de indemnización por saír da compañía antes de ingresar no Goberno.

“As persoas precisan sentir que o Goberno non consente con merdas destas”, trasladoulle na conversa.

Críticas á Fiscalía

A filtración causou que a Fiscalía abrira unha pescuda ao respecto. Ademais, as persoas impulsoras do manifesto que insta a unha reforma do sistema xudicial, criticando o proceder do Ministério Público no caso que desencadeou a renuncia de Costa e polo que non foi imputado, reclamaron explicacións á Fiscalía, facendo énfase en que supón outra “violación das regras básicas do Estado de dereito democrático”.

Comentarios