A ONU renova máis un ano a Minurso

O Consello de Seguridade das Nacións Unidas a operación especial para o Sáhara Occidental.

Consello de Seguridade_Nacións Unidas
photo_camera Consello de Seguridade [Imaxe Nacións Unidas]

Após adiar a votación até o sábado (30 de abril) e tan só por 10 votos, un máis dos necesarios para a súa aprobación, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas acordou renovar por un período dun ano a MINURSO, a operación especial despregada no Sáhara Occidental cuxo obxectivo é a elaboración dun censo para o referendo de autodeterminación deste territorio ocupado, desde 1975, por Marrocos. 

En marzo de 2016 Marrocos expulsou 84 persoas da MINURSO e ordenou o fechamento da súa oficina en Dajla

A decisión prodúcese no marco dun importante aumento da tensión no territorio logo da expulsión por parte do goberno marroquino de 84 persoas funcionarias da ONU e do fechamento da oficina da propia MINURSO en Dajla en resposta ás declaracións do secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, cando se referiu desde os campamentos de persoas refuxiadas á presenza de Marrocos no territorio como unha "ocupación". 

Cumpre lembrar que após a Marcha Verde coa que o réxime marroquino invadiu o Sáhara Occidental en 1975 a ONU non lle recoñeceu competencia política ningunha sobre este territorio sendo aínda potencia colonial administradora o Estado español. 

Durante o debate da resolución para a renovación da MINURSO, Venezuela e Uruguai criticaron con dureza os documentos presentados ao Consello, o último deles por volta de 24 horas antes da sesión asinado por un "reducido grupo" de estados membros baixo o nome de 'Amigos do Sáhara' mais do que ficou excluído, por exemplo, a delegación uruguaia, lamentou o seu representante. 

A resolución non fai "nen unha soa referencia" a Marrocos, denunciou o representante de Uruguai durante a sesión de debate

Venezuela e Uruguai rexeitaron co seu voto contrario a proposta de resolución non por "non atopar nen unha soa referencia" no texto á expulsión por parte de Marrocos das 84 persoas pertencentes á ONU e a Unión Africana, por abranguer un período de tempo "excesivamente longo" (90 días) para a restitución da "plena capacidade" da operación mais sen determinar "quen e como" será responsábel de que isto aconteza. 

Tamén se abstiveron Nova Zelandia, Angola e Rusia que coidaron insuficiente o mandato do Consello das Nacións Unidas. As posicións defendidas por estes países marcan, segundo defendeu o representante do Frente Polisario na ONU, Ahmed Bujari, un "antes e un despois" pois achou que "Marrocos non puido dobregar a vontade do Consello". Porén, o Polisario responsabilizou a Francia de que o documento non for máis preciso a respeito da restitución das funcións da MINURSO. E é que a operación especial non cumpriu a súa encomenda desde que en 1991 fose constituída para a realización do referendo de autodeterminación. 
 

Comentarios