Portugal loita contra os últimos focos do lume e prepárase para a alerta por chuvias

Tras a revisión dos datos cinco persoas faleceron nos lumes. Na súa memoria o Executivo convocou unha xornada de loito.
Saída do sol a quinta feira en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Saída do sol a quinta feira en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A sexta feira decorrerá en todo o territorio portugués un día de loito, segundo decretou a quinta o Goberno de Luís Montenegro, polas cinco vítimas mortais da vaga de incendios. Nun inicio anunciáranse sete decesos, mais dous dos falecementos reportados non tiñan relación cos lumes que se desataron desde o domingo no país.

Malia que á hora do feche desta edición 20 lumes seguían activos e a outros 19 se estaban a desprazar os equipos de emerxencia, André Fernandes, comandante nacional da Autoridade Nacional de Emergência e Protecção Civil (Anepc), subliñou que contaban con ter controlados os incendios restantes como moi tarde a sexta.

Amais das mortes, tamén hai 12 persoas feridas de gravidade, 78 leves e 71 que recibiron asistencia mais non precisaron tratamento hospitalario.

Os datos do sistema Copernicus da Unión Europea (UE) confirmaron que desde o domingo xa arderon no país máis de 121.000 hectáreas, 100.000 delas nas rexións do Norte e do Centro. Até ese día, arredor de 17.000 hectáreas resultaran queimadas nos lumes do resto do ano.

Alerta por chuvias

Nas últimas horas da quinta as previsións meteorolóxicas apuntaban ao comezo das chuvias no sur luso, que se estenderían a sexta cara ao norte. Nese sentido, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera emitiu unha alerta meteorolóxica amarela polas precipitacións previstas no territorio continental para a sexta e o sábado.

Fernandes, que confirmou que xa ningunha das principais estradas do país estaba afectada por cortes, advertiu que a partir das 20 horas da quinta (21 horas na Galiza), e “en particular no día de mañá [pola sexta]”, centrarían o seu traballo en controlar posíbeis desprazamentos de terra e “fluxos” de restos dos incendios que “poden afectar á vía pública e áreas residenciais” ao ser desprazados pola chuvia logo de que as zonas que padeceron os lumes “ficaran sen a cobertura vexetal”, quedando “máis expostas e vulnerábeis”.

Ao mediodía a Anepc deu por controlado o complexo de incendios en Albergaria-a-Velha, Oliveira de Azeméis, Sever do Vouga e Águeda, no distrito de Aveiro, que chegaran a superar os 100 quilómetros de perímetro. Precisamente neste distrito ten a empresa de celulosa The Navigator Company unha das súas áreas principais para producir eucalipto, amais dun complexo industrial. A empresa xa traballa na Galiza, onde outra compañía lusa, Altri, trata de construír unha celulosa co apoio da Xunta controlada polo Partido Popular.

A quinta, entre os principais incendios activos estaban os de Castro Daire, cunha decena de focos, e o de Penalva do Castelo, ambos os dous no distrito de Viseu. O alcalde do primeiro municipio, Paulo Almeida, estimou que arderan “cerca de 30.000 hectáreas”. Tamén en Viseu ten Navigator outra das súas plantacións principais, así como Altri. Toda esta área estaba baixo unha nube cunha alta concentración de dióxido de carbono, xofre e dióxido de nitróxeno.

Os lumes, que tiveron como un factor clave a seca causada polo cambio climático e intensificada polo eucalipto, causaron o nivel máis alto de emisións de carbono rexistrado nos 22 anos que leva activo o sistema Mundial de Asimilación de Incendios de Copernicus. Desde o domingo até o 18 de setembro as lapas emitiron 1,9 megatoneladas de dióxido de carbono. As emisións anuais de Portugal sitúanse na contorna de 40 megatoneladas.

Os lumes dispararon a emisión de partículas en suspensión de 2,5 micrómetros, especialmente prexudiciais para a saúde. As estacións de recollida de datos detectaron como a quinta na zona máis afectada polos lumes en Portugal superáronse os 200 microgramos por metro cúbico (µg/m3), e as partículas espalláronse cara á Galiza, entrando por unha faixa entre A Guarda e Verín e alcanzando Ordes. Nesa liña, a nube afectou ás cidades de Ourense e Compostela antes de dispersarse e desprazarse cara ao leste.

Agárdase que a sexta afecte o sur galego antes de acabar de disolverse o sábado. Porén, o vento desprazou estas partículas nun ou noutro momento por todo o territorio galego, no que se superará o límite de 15 µg/m3 destas partículas marcado pola Organización Mundial da Saúde.

Asemade, en Vigo, MeteoGalicia alertou de que a situación deste contaminante é “moi mala”. A Consellaría de Sanidade recomendou non practicar actividades ao aire libre, fechar portas e xanelas para evitar a entrada de po, manterse en ambientes húmidos e hidratarse.

Reforestación contra o eucalipto

Arredor do contexto no que se desataron os lumes, “fálase moito da vexetación, do que non está limpo, do que medrou nos últimos meses, pero o problema non é o só a vexetación, o problema é que en Portugal xa case só existe monocultivo” con “hectáreas e hectáreas de eucalipto”, subliña o climatólogo Mário Marques, que culpa  Gobernos estatais e municipais de “destruír, ou permitir que se destrúan, os bosques, os hábitats autóctonos”.

Estes hábitats son os que poderían, salienta, impedir os incendios de grandes dimensións, posto que o lume nunha masa de eucaliptos pode acadar os 30 quilómetros por hora, e, mentres que a proxección dunha folla de carballo chega a 200 metros, a de eucalipto o pode facer a dous quilómetros.

Ao respecto, fai fincapé en que “un plano de reforestación en Portugal sería tanto ou máis importante que un plan para combater os incendios”, laiándose de que “hai demasiadas forzas de bloqueo para que algo se faga” posto que “a industria da celulosa, os silvicultores, teñen un peso enorme”, e “en Portugal é follow the money [seguir os cartos en inglés]”.

O certo é que un ano despois dos incendios masivos en 2017 o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas luso informaba de que o eucalipto foi usado en máis de 80% das reforestacións autorizadas. Ademais, as empresas de celulosa aproveitan para ampliar a área baixo o seu control pola baixada dos prezos provocada polos incendios e polo despoboamento do rural, que entre os seus motivos ten que se converteu nunha zona cada vez máis perigosa para vivir polo avance do lume nunha área moi inflamábel polos eucaliptos.

Manifestacións contra o eucaliptal

O domingo foron convocadas por Emergência Florestal, unha rede de persoas e colectivos climáticos, protestas en múltiples localidades portuguesas para exixir uns “bosques con futuro”, debullando que os lumes son "consecuencia directa dun bosque abandonado, eucaliptizado". O manifesto remarca que o cambio climático e a devastación causada por esta industria “arrástranos como unha áncora para o fondo coa complicidade de todos os Goberno”.

Comentarios