O Goberno portugués vén de tomar a decisión de retirar a obrigatoriedade do uso da máscara no transporte público, tanto terrestre como aéreo, nos taxis e nas farmacias.
A "evolución favorábel" da pandemia no país luso e a tendencia "estábel" no número de contaxios levaron o Executivo portugués a adoptar esta medida, segundo anunciou a ministra de Sanidade, Marta Temido.
A ministra tamén detallou que polo de agora si se manterá a obrigatoriedade de empregar a máscara en espazos sanitarios, centros sanitarios e sociosanitarios como residencias de maiores.
Neste sentido, Temido puntualizou que, aínda que se retire a obrigatoriedade de empregar a máscara, a poboación debe seguir "protexéndose" do coronavirus sempre que o consideren necesario.
Datos da pandemia en Portugal
O Executivo luso decidiu tamén prorrogar até o 30 de setembro a situación de alerta en todo o país pola Covid-19. Trátase do nivel máis baixo de resposta ante catástrofes que recolle a lexislación portuguesa.
A ministra de sanidade subliñou que Portugal permanece por baixo dos 10 falecementos debidos ao coronavirus por cada millón de habitantes en catorce días.
En canto á incidencia a sete días, atópase en 148 casos por cada 100.000 habitantes, segundo a Dirección Xeral de Saúde (DGS) de Portugal, con datos recollidos até o pasado 15 de agosto.
Desde o comezo da pandemia, rexistráronse 5,4 millóns de contaxios e 24.803 persoas falecidas, nun país cunha poboación próxima aos 10,3 millóns de habitantes.