O PP acusa o Goberno de Sánchez de estar "implicado" nun golpe de Estado en Venezuela

O Parlamento da UE insta a recoñecer González como presidente.
Esteban González Pons. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera Esteban González Pons. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O eurodeputado e vicesecretario de Acción Institucional do Partido Popular (PP), Esteban González Pons, afirmou a quinta feira que “o Goberno [español] está implicado no golpe de Estado que se produciu en Venezuela”, sostendo que un ex candidato opositor, o conservador Edmundo González, “foi trasladado á residencia do embaixador español para que a chantaxe e a coacción foran posíbeis”.

Con anterioridade, fíxose público un documento asinado por González e dirixido a Jorge Rodríguez, presidente da Asemblea Nacional, no que recoñece a sentenza do Tribunal Supremo venezolano, que validou a vitoria do progresista Nicolás Maduro nas presidenciais.

González reaccionou aducindo que foi rubricado “baixo coacción”, no contexto dunha reunión con Rodríguez e coa vicepresidenta Delcy Rodríguez na que se abordou o salvoconduto para que recibira asilo no Estado español.

O presidente do lexislativo subliñou que “non houbo ningunha situación na que o señor González Urrutia se puidera sentir violentado”, apuntando que “el nos buscou a nós”.

Á vez, o ministerio de Exteriores español asegurou que “González tivo “liberdade e autonomía” para xestionar a situación.

Pola súa parte, fontes do PSOE reclamaron en medios estatais a dimisión de Pons por declaracións “incompatíbeis coa democracia”.

En paralelo, o Parlamento Europeo aprobou unha proposta pactada entre o Partido Popular Europeo (PPE) e dous dos grupos parlamentarios nos que se agrupa a ultradereita, os liderados pola primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e pola líder da Reagrupación Nacional francesa, Marine Le Pen, para instar a Unión Europea e os Estados a recoñecer González como “presidente lexítimo”.

Comentarios