Rusia e Corea do Norte asinan un novo acordo de "asociación estratéxica" e pactan a defensa mutua en caso de agresión

O documento substitúe os anteriores pactos de relacións bilaterais.
Visita de Vladimir Putin a Pyongyang, esta cuarta feira, onde foi recibido por Kim Jong-Un. (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press)
photo_camera Visita de Vladimir Putin a Pyongyang, esta cuarta feira, onde foi recibido por Kim Jong-un. (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press)

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, asinou esta cuarta feira en Pyongyang un acordo de "asociación estratéxica" co seu homólogo en Corea do Norte, Kim Jong-un, na que foi a primeira visita do líder ruso a este país en máis de dúas décadas. O documento inclúe unha cláusula de "defensa mutua" en caso de agresión externa dun terceiro.

As negociacións estendéronse durante unhas dúas horas antes de dar o visto e prace a un pacto que substiúe o tratado de amizade e asistencia mutua de 1961, o tratado de relacións bilaterais de 2000 e as declaracións de Moscova e Pyongyang de 2000 e 2001, respectivamente.

Ao abeiro deste novo tratado, tanto o Goberno ruso como o norcoreano terán a posibilidade de activar mecanismos de "asistencia mutua" ante posíbeis agresións "contra calquera das partes asinantes", tal e como salientou o propio Putin en rolda de prensa unha vez concluída a reunión. E, neste senso, aludiu explicitamente ás recentes declaracións de diferentes líderes de Estados membro da OTAN sobre a posibilidade de permitir que Ucraína utilice as armas da Alianza en territorio ruso.

O dirixente ruso celebrou tamén os "progresos significativos" na cooperación entre ambos os países, cuxa relación se basea, dixo, "na igualdade e o respecto mutuos", e convidou Kim a visitar Moscova no próximo cume bilateral. Aliás, Putin agradeceu o "apoio inquebrantábel" do seu homólogo á invasión de Ucraína.

Pola súa parte, o líder de Corea do Norte sinalou que o seu Goberno "valora a importante misión e o papel dunha Federación Rusa forte no que atinxe ao mantemento da estabilidade e o equilibrio estratéxicos no mundo".

Comentarios