Qatar comunica que as conversas para un alto o fogo en Gaza están estancadas

Israel ratifica a súa intención de escalar o conflito

Área destruída en Gaza. (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Área destruída en Gaza. (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

As negociacións para un alto o fogo na Faixa de Gaza “atravesan momentos sensíbeis” e “algún estancamento”, trasladou a cuarta feira Mohamed bin Abdelrahman, primeiro ministro e titular de Exteriores de Qatar, que pediu a “todas as partes” acabar coa escalada provocada polo bombardeo israelí do consulado de Irán en Damasco, Siria, que motivou un ataque iraniano de represalia contra Israel.

Aínda que tanto Israel como o seu principal aliado, os Estados Unidos, reiteran que Hamás, que goberna Gaza, debe aceptar un cesamento de hostilidades que non implique a fin da agresión militar de Israel contra o enclave, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica, a organización palestina asegura que non cederá neste aspecto e no regreso da poboación da Faixa ao norte do territorio.

Amais, o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, negou a fame masiva denunciada por organizacións internacionais en Gaza produto da agresión e do bloqueo á entrada de axuda humanitaria por parte de Israel.

A ONU estimou que máis de 70% das 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza padecen unha “fame catastrófica”.

Pola súa parte, Andrea De Domenico, que lidera a Oficina da ONU para la Coordinación de Asuntos Humanitarios na zona, detallou que a pasada semana Israel rexeitou 41% das peticións da ONU para entregar axuda no norte de Gaza, “nun baile no que damos un paso adiante” e “dous pasos atrás”, o “que nos deixa sempre no mesmo punto”.

Asemade, e após reunirse con David Cameron e Annalena Baerbock, que encabezan os Ministerios de Exteriores do Reino Unido e Alemaña, Netanyahu insistiu en que “tomaremos as nosas decisións nós mesmos”, reafirmando que volverán lanzar un ataque contra Irán para tratar de escalar o conflito.

En paralelo, o presidente iraniano, Ebrahim Raisi, advertiu que, logo das súas represalias “limitadas”, calquera ataque contra intereses iranianos xerará “unha reposta feroz”, buscando manter o status quo xurdido da súa resposta, un aspecto que alertou Israel e que foi abordado polo ministro de Defensa sionista, Yoav Gallant, que aseverou que “os ceos” da rexión “están amplamente abertos” para o seu Exército.

Ademais, un informe interno do xornal The New York Times filtrado polo portal The Intercept ratificou o aliñamento dos medios occidentais coas narrativas israelís, ao instar o seu persoal a evitar termos como “xenocidio”, “limpeza étnica” ou“territorio ocupado”.

Comentarios