O Reino Unido négase a devolver a Grecia as pezas do Partenón

Máis da metade das esculturas foron roubadas.
Esculturas gregas exhibidas no Museo Británico de Londres. (Foto: David Cliff / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Esculturas gregas exhibidas no Museo Británico de Londres. (Foto: David Cliff / Zuma Press / Contactophoto)

Malia os contactos ao longo do último ano entre responsábeis patrimoniais británicos e gregos para repatriar a Grecia as pezas do Partenón, en Atenas, Rishi Sunak, primeiro ministro británico, descartou esa posibilidade esta segunda feira, argüíndo que "compartimos os tesouros co mundo e o mundo vén ao Reino Unido para velos".

"Non temos plans de cambiala", reiterou Sunak en referencia á lei británica que prohibe devolucións de pezas de museos de forma permanente agás contadas excepcións. Ao tempo, afirmou que o país "coidou dos mármores de Elgin durante xeracións".

Este é o nome que reciben no país as pezas espoliadas do Partenón por Thomas Bruce, conde de Elgin, quen quedou con elas no século XIX antes de vendelas ao Estado cando entrou en bancarrota. Foron roubadas máis da metade de todas as esculturas decorativas do monumento, de máis de 2.000 anos de antigüidade.

Grecia subliñou en distintas ocasións que as pezas teñen que volver ao país, nun caso referencial no que atinxe aos roubos de patrimonio por parte do Reino Unido.

Comentarios