Agresión militar israelí: 558 persoas asasinadas no Líbano en 48 horas

Unha eventual invasión terrestre sionista semella inevitábel ante o aval estadounidense a unha nova agresión.
Edificio atacado a terza feira por Israel nos suburbios do sur do Líbano. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
photo_camera Edificio atacado a terza feira por Israel nos suburbios do sur do Líbano. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)

Como mínimo 558 persoas, entre elas 50 crianzas, 94 mulleres e catro integrantes de equipos médicos segundo o Ministerio de Saúde libanés, foron asasinadas polo Exército de Israel desde que comezou a segunda feira os ataques masivos contra o Líbano, desencadeando unha guerra con Hezbolá, até o feche desta edición a terza feira.

Ademais, o organismo informou de que 1.835 persoas ficaron feridas. O país estabeleceu 89 refuxios en escolas e outras instalacións para atender as desprazadas que foxen do sur do país, a área onde se están a concentrar boa parte dos ataques israelís. Matthew Saltmarsh, voceiro da axencia de refuxiadas da Organización das Nacións Unidas (ONU), estimounas en “decenas de milleiros de persoas”.

Asemade, arredor de 500 persoas cruzaron a Siria. Antes do inicio da agresión militar ao Líbano xa había 113.000 desprazadas polos choques con Israel.

Na primeira xornada da ofensiva, Israel sostivo que atacou 1.600 supostos “obxectivos” de Hezbolá. Amais de vivendas nas que os sionistas alegan que había armas almacenadas, o Ministerio de Saúde libanés denunciou que foron bombardeados automóbiles de familias que escapaban dos ataques, ambulancias e vehículos de bombeiros. En paralelo, o réxime de apartheid sostivo que a organización libanesa disparou 165 proxectís contra o territorio israelí, dirixidos contra bases militares e un complexo industrial militar no norte.

A terza feira, Hezbolá dirixiu máis de 300 proxectís -segundo as estimacións israelís- contra as bases militares de Dado, Atlit, Ramot Naftali, Ramat David, Elyakim e Amos, un núcleo chave na loxística sionista no norte, así como contra unha fábrica de explosivos, un aeroporto con uso militar e dous asentamentos con bases militares, os de Kiryat Shmona e Katzrin. O Exército israelí mantivo que unha porción salientábel foi interceptada. En todo caso a censura militar en Israel imposibilita verificar os danos.

Ao tempo, os militares sionistas anunciaron que realizaron centenares de ataques, despois de afirmar que “aceleraremos as operacións ofensivas” e que “non debemos darlle un respiro a Hezbolá”. Un dos lugares atacados foi o sur de Beirut, unha liña vermella para o grupo libanés, que rexistrou o terceiro impacto contra un edificio residencial nunha semana e o quinto nun ano.

Malia que a xustificación israelí para a agresión militar ao Líbano é garantir a volta das 60.000 persoas evacuadas no norte logo de que Hezbolá iniciara os ataques contra obxectivos militares israelís en outubro, en defensa do pobo palestino en Gaza polo xenocidio que Israel está a cometer, o certo é que a terza feira tivo que ampliar as áreas con feches de escolas tras a resposta do grupo libanés, e no comezo da semana declarou o estado de emerxencia.

A organización libanesa asegurou que até que Israel poña fin ao xenocidio en Gaza seguirá a defender Palestina pola vía armada, impedindo a vida cotiá nos asentamentos no norte israelí e degradando as defensas sionistas. Á vez, o líder do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, bloqueou calquera opción dun alto o fogo na Faixa e renunciou na práctica á volta con vida das persoas israelís detidas no enclave, garantindo así a súa supervivencia política.

Neste contexto, “aínda que destruíu a maior parte de Gaza e matou milleiros de nenos, destruíu familias, escolas e hospitais, aínda non puido traer de volta os seus cativos nin destruír Hamás, dous dos seus obxectivos principais”, explicou o analista da canle Al Jazeera Marwan Bishara, que engadiu que tampouco foi quen de garantir “o retorno da poboación evacuada no norte”. “Creo que está a lanzar outra guerra” co fin de que “a xente se esqueza diso”, remarcou.

O xeneral israelí Ronan Manelis subliñou no xornal Maariv que a crenza no liderado israelí de que a guerra rematará máis rápido de exercer forza máxima é un erro, detallando que “estamos tratando de presionar [o líder de Hezbolá Hasan] Nasrallah para que erga a bandeira branca, o que probabelmente non sexa característico del”, e advertiu que unha invasión terrestre é o “maior soño” do dirixente, que retou a Israel neste sentido a semana pasada. A resistencia contra un ataque israelí é o principal obxectivo militar da milicia e o eixo da súa preparación. Ademais, o columnista do xornal Haaretz Gideon Levy adiantou que incluso despois de meses de ataques “non se logrará nada”, e de “lograrse algo” será o mesmo que se tería conseguido antes “mediante a diplomacia”.

Aínda que nin Hezbolá nin o seu principal apoio, Irán, querían unha escalada como a desatada por Israel, medios especializados apuntan que o grupo libanés está obrigado a incrementar o impacto dos ataques contra Israel para recuperar a capacidade de disuasión que perdeu a estas alturas, e que ten como punto clave a capacidade de efectuar un ataque masivo que supere as defensas aéreas israelís, mais co risco de que sexa usado por Israel para xustificar unha intensificación da agresión militar perpetrada por un Exército financiado e armado en boa medida por Washington, que ten na rexión máis de 40.000 militares por se fose necesario defender o réxime israelí.

Neste marco, e tendo en conta ademais do aval occidental ás accións israelís, o que lle garante impunidade tamén para esta nova agresión, e que milleiros de soldados sionistas foron despregados da fronteira do Líbano, unha eventual invasión terrestre israelí semella inevitábel. Sexa como for o voceiro de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, reclamou ás persoas estadounidenses no país que marchen antes de que se suspendan todas as conexións aéreas.

Washington frea a intención de Irán de volver negociar un acordo nuclear

O ataque israelí ao Líbano tamén se produce cando o novo presidente de Irán, Masoud Pezeshkian, busca reactivar o acordo nuclear que implicaba control internacional da súa industria atómica a cambio da fin das sancións coercitivas occidentais. O pacto orixinal, que Israel tratou de obstaculizar, foi roto en 2018 de forma unilateral por Washington, que reactivou as sancións contra o país persa.

Majid Takht Ravanchi, viceministro de Exteriores de Irán, comunicou a segunda feira que mantivo unha “conversa franca e construtiva” coa Unión Europea, e o ministro Seyed Abbas Araghchi aseverou que están listos para volver á mesa de negociacións nas próximas xornadas se o resto das partes estaban dispostas.

Non obstante, o Departamento de Estado estadounidense transmitiu á axencia EFE que antes Tehran debe “pór fin ás súas actividades desestabilizadoras en todo o mundo”, citando entre outras cuestións “deixar de armar os grupos terroristas”, en alusión á organización libanesa Hezbolá. Desde a fundación de Israel por medio da limpeza étnica do pobo palestino desas áreas os Estados Unidos proporcionáronlle máis de 120.000 millóns de euros en armamento.

A isto se referiu Pezeshkian, que advertiu que “Hezbolá non pode enfrontarse só a un país que está sendo defendido, apoiado e abastecido polos países occidentais”, e Araghchi indicou que Irán “non permanecerá indiferente”. O presidente asegurara que Israel “quere arrastrar todo o mundo á guerra e desestabilizar a rexión”, afirmando que está a tender “trampas” para forzalos a entrar no conflito.

Comentarios