Rull comeza os contactos para unha investidura en Catalunya á que ninguén se quere presentar

O 25 de agosto é o límite antes duns novos comicios territoriais.
Josep Rull (Junts), a terza feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Josep Rull (Junts), a terza feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O presidente do Parlamento de Catalunya, Josep Rull (Junts), deu inicio a terza feira á rolda de contactos coas forzas políticas con representación, que se estenderá até a cuarta, co obxectivo de propor un candidato á sesión de investidura á Presidencia da Generalitat, que comezará o 25 de xuño.

Tras as reunións con Partido Popular (PP), a ultraespañolista Vox, Comuns Sumar, a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) e Aliança Catalana (AC), de extrema dereita, a cuarta feira será a quenda do Partit dels Socialistes (PSC-PSOE), Junts e Esquerra Republicana (ERC).

Rull sostivo que xa contempla o denominado “acto equivalente”, unha declaración institucional na sesión de investidura se ningunha organización traslada que conta con apoios dabondo. “Non podo forzar ninguén a presentar candidatura”, incidiu, lembrando que o ex president catalán e candidato de Junts, Carles Puigdemont, foi elixido en 2016 ao límite do prazo legal.

Sexa como for, nesa data comezará a conta atrás para unha repetición electoral, que ficará convocada automaticamente se como máximo o 25 de agosto o Parlament non elixe unha persoa para dirixir o país ao longo dos vindeiros catro anos.

O candidato do PSC, Salvador Illa, que se impuxo nos comicios de maio, trasladou que pedirá a Rull “máis tempo” para poder conformar unha “maioría progresista” con ERC e Comuns Sumar, cos que alcanzaría a maioría absoluta. A terza feira produciuse a primeira reunión dos equipos negociadores de PSC e ERC, que acordaron “continuar traballando”.

Con todo, Rull tamén asegurou que, eventualmente, Puigdemont tamén se someterá a unha sesión de investidura, após a perda da maioría absoluta das forzas independentistas, á que asistirá presencialmente incluso se hai risco de detención pola non implementación nese momento da lei de amnistía no seu caso, reiterou.

Ao tempo, Marta Vilalta, voceira de ERC no Parlament, cualificou de “irresponsábel” que ningún dos candidatos queira presentarse ao primeiro debate de investidura. 

Desbotado o intento dos fiscais de limitar a amnistía

Asemade, a Xunta de Fiscais avalou por dous votos o criterio de Álvaro García Ortiz, fiscal xeral español, de reclamar ao Tribunal Supremo que aplique a norma de graza íntegra, despois do intento de catro fiscais do proceso xudicial contra o liderado catalán pola convocatoria dun referendo de autodeterminación en 2017 de evitar que se aplicase á malversación no contexto da ofensiva conservadora contra a lei.

Comentarios