Rull confirma que non haberá polo de agora sesión de investidura e activa a conta atrás para unhas novas eleccións

Puigdemont e Illa piden ao presidente do Parlament máis tempo para negociar.
Josep Rull (Junts), a cuarta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Josep Rull (Junts), a cuarta feira. (Foto: Europa Press)

Josep Rull (Junts), presidente do Parlamento de Catalunya, anunciou a cuarta feira que, despois da rolda de contactos coas forzas con representación, non haberá sesión de investidura á Presidencia catalá, convocada inicialmente para o 25 de xuño, explicando que “ningún grupo propuxo candidato para esta investidura”. Con todo, detallou que tanto a súa formación como o Partit dels Socialistes (PSC-PSOE) “expresaron a vontade de propor un candidato no transcurso dos dous próximos meses”.

O líder e candidato do PSC, Salvador Illa, xa comunicara publicamente que precisaba máis tempo para tratar de conformar unha maioría canda Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Comuns Sumar, e a cuarta foi Albert Batet, presidente do grupo parlamentario de Junts no lexislativo territorial, e Mònica Sales, a súa voceira, quen transmitiu que o ex presidente catalán e candidato da formación, Carles Puigdemont, ten a “intención de ir á investidura, pero non agora”, co fin de negociar o apoio de ERC e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP). As tres formacións perderon a maioría absoluta conxunta nos comicios do mes pasado.

Desta maneira, non decorrerá a sesión de investidura programada, e Rull convocou un pleno o 26 de xuño no que trasladará a decisión ao Parlament, dando inicio á conta atrás de dous meses até que fiquen convocadas novas eleccións catalás no caso de que ningunha persoa sexa elixida para dirixir a Generalitat.

No que atinxe a ERC, o conflito interno pola intención do seu ex líder, Oriol Junqueras, de intentar recuperar o cargo no Congreso Nacional de novembro após un proceso de escoita coa militancia viviu un novo episodio ao asinar o presidente catalán en funcións, Pere Aragonès, un manifesto que apoiaron máis de 700 militantes en poucos días que demanda unha renovación da cúpula republicana.

Tamén a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ofreceu apoio público ao texto, sinalando que non o asinou posto que “represento a organización”.

Lei de amnistía

Finalmente, a Fiscalía española demandou após un forte debate no seu seo ao Tribunal Supremo que a lei de amnistía se aplique íntegra ás e aos líderes cataláns represaliados por organizar un referendo de autodeterminación. En paralelo, reclama a súa aplicación a 46 axentes das forzas de seguridade españolas procesados por tratar de evitar violentamente esa votación, un punto que non xerou debate no Ministerio Público.

Comentarios