Swinney, primeiro candidato ao liderado do nacionalismo escocés e do país

O ex viceprimeiro ministro, o preferido polos Verdes.
John Swinney, a quinta feira. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera John Swinney, a quinta feira. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / DPA vía Europa Press)

O viceprimeiro ministro de Escocia entre 2014 e 2023 e líder do Partido Nacional Escocés (SNP) entre o 2000 e o 2004, John Swinney, presentouse a quinta feira ao proceso interno para dirimir quen dirixirá a formación progresista e o Goberno escocés, converténdose no primeiro candidato que se postula após anunciar o aínda primeiro ministro Humza Yousaf a súa dimisión de ambos os dous cargos.

Swinney definiuse como o “candidato da unidade”, subliñando que pretende “unir o SNP” e “abordar os obstáculos no camiño para gañar a loita pola independencia”. De ser elixido, defendeu que dará prioridade “á busca do crecemento económico e á xustiza social”, un “crecemento económico” que “apoie os servizos e a sociedade que todos queremos ver”.

En alusión a Kate Forbes, que se perfila como a súa principal rival, sostivo que aspira a que se integre no seu equipo de Goberno. Forbes, titular de Finanzas entre 2020 e 2023, perdeu o pasado ano na rolda final das votacións internas contra Yousaf por catro puntos, e á hora do feche desta edición aínda non confirmara que se presentará.

O 6 de maio é a data límite para o rexistro das candidaturas, que precisan 100 apoios de como mínimo 20 federacións locais para dar o paso. No momento no que Yousaf faga efectiva a súa dimisión se abrirá un prazo de 28 días para que o Parlamento Escocés aprobe a designación do novo líder do país.

Desde a contorna de Forbes ratificouse que mantivo conversas informais con Swinney, que recibiu o apoio de varios integrantes do Gabinete de Yousaf e está visto polos medios locais como un potencial líder orientado a manter a estabilidade do Executivo e da formación de cara ás eleccións territoriais de 2026.

No caso de Forbes, con posicións conservadoras no tocante á identidade de xénero ou á acción contra o cambio climático, os Verdes advertiron en distintas ocasións que as posibilidades de que a apoien como primeira ministra son mínimas.

Isto favorecería Swinney, que tería como principal misión restaurar a confianza entre nacionalistas e ecoloxistas tras desencadear a ruptura do acordo de Goberno compartido, que permitía superar a maioría absoluta, a fin do Executivo de Yousaf.

Moción de censura

Nese sentido, os Verdes votaron a cuarta feira co SNP, o que derivou no rexeitamento da moción de censura contra o Goberno presentada polos laboristas, e que só foi apoiada por conservadores e liberais.

Comentarios