Xustiza

A Xustiza tomba o decreto do réxime lingüístico educativo catalán

O Govern aprobara este decreto co obxectivo de dar "seguridade xurídica" ás escolas cos seus proxectos lingüísticos e dispón que o catalán é a lingua normalmente utilizada como vehicular e de aprendizaxe en Catalunya.
Sede da Audiencia Provincial de Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Sede da Audiencia Provincial de Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya vén de suspender, de forma cautelar, o Decreto do réxime lingüístico do sistema educativo aprobado pola Generalitat en maio pasado, tras estimar o recurso presentado pola españolista Asemblea por unha Escola Bilingüe. Nun auto da Sección Quinta da Sala do contencioso administrativo, aprecia "visos de lesión nos dereitos fundamentais" en tanto que o desenvolvemento regulamentario do decreto contempla o catalán como lingua normalmente vehicular e de aprendizaxe, e dando capacidade a cada centro escolar para determinar a presenza do castelán, sen que se fixe unha garantía mínima do uso.

O Govern aprobara este decreto co obxectivo de dar "seguridade xurídica" ás escolas cos seus proxectos lingüísticos e dispón que o catalán é a lingua normalmente utilizada como vehicular e de aprendizaxe en Catalunya e na acollida do alumnado recentemente chegado, así como o occitano no caso dos centros do Aran. Ante este auto do alto tribunal catalán, con todo, pode presentarse recurso de reposición.

O decreto aprobado ampárase na Lei de 2022 sobre o uso e a aprendizaxe das linguas oficiais no ensino non universitario e tamén no decreto lei do mesmo ano polo que se fixan os criterios para elaborar, aprobar, validar e revisar os proxectos lingüísticos dos centros. O goberno impulsou estas normativas para blindar o sistema de inmersión lingüística fronte ás resolucións xudiciais que obrigaban a un mínimo do 25% dos ensinos en castelán en determinados casos. Tamén se buscaba dotar de seguridade xurídica ás direccións.

O tribunal sinala que dos artigos 3 e 27 da Constitución española "non deriva o dereito a recibir a ensinanza só nunha lingua, senón o dereito a que tanto o castelán como as linguas cooficiais sexan vehiculares no ensino", e que o mandato da Lei Orgánica de Educación está orientado a "garantir o dereito constitucional a que o castelán non sexa excluído" como lingua vehicular e que "se respecte o patrón de equilibrio ou igualdade" entre ambas as linguas.

Esta doutrina constitucional leva o tribunal a "apreciar visos de lesión nos dereitos fundamentais", na súa vertente para recibir ensino en lingua castelá, co desenvolvemento regulamentario do decreto. O tribunal sinala que a existencia dun amplo conxunto regulamentario de desenvolvemento da Lei de Educación de Catalunya de 2009, con amplas coincidencias materiais e que segue vixente, fai que a adopción da medida cautelar se vexa "fortemente matizada" desde o momento en que segue vixente o desenvolvemento regulamentario da norma educativa catalá.

"Perturbación atenuada"

O TSXC sostén que o desenvolvemento regulamentario do réxime lingüístico está recollido, polo menos parcialmente, en normas como o decreto de atención educativa ao alumnado e de ordenación das diferentes etapas educativas, e que un decreto de maio de 2022 fixa os criterios aplicábeis á elaboración dos proxectos lingüísticos, o cal "atenúa significativamente a perturbación derivada da suspensión da norma regulamentaria".

Comentarios