Arxentina

O ultradereitista Milei logra que o Senado aprobe a lei ómnibus entre acusacións de suborno

Represión policial contra deputados progresistas e manifestantes.

Victoria Villaruel na sesión. (Foto: Esteban Osorio / Europa Press / Contacto)
photo_camera Victoria Villaruel na sesión. (Foto: Esteban Osorio / Europa Press / Contacto)

Na madrugada da quinta feira, o Senado arxentino deu luz verde á lei ómnibus, unha norma impulsada polo presidente de extrema dereita Javier Milei que inclúe privatizacións de empresas públicas, nos servizos de enerxía, sanidade, transporte, defensa ou finanzas, así como permitiría ao seu Executivo asumir competencias do lexislativo até o 31 de decembro de 2025.

A regulación, orientada a acabar cos mecanismos do Estado na economía arxentina logo de medidas que levaron a un incremento da pobreza, que afecta agora a arredor de 60% da poboación e que levou a que 10 millóns de crianzas coman menos carne e lácteos pola caída dos ingresos da poboación, volve á Cámara de Deputados, onde ten que ser aprobada, sexa a versión orixinal ou coas modificacións no Senado, para entrar en vigor.

Para alcanzar o resultado final na Cámara Alta, un empate a 36 sufraxios que permitiu á vicepresidenta Victoria Villarruel desempatar a votación, Milei tivo que anunciar o nomeamento antes da sesión da senadora Lucila Crexell, elixida pola oposición progresista, como embaixadora arxentina na Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco). Crexell, que apoiou a lei, foi denunciada por suborno por un avogado penalista, Federico Paruolo.

Milei tamén tivo que emitir un decreto de urxencia para outorgar á provincia de Entre Ríos a xestión do encoro Salto Grande, a exixencia do senador Edgardo Kueider, tamén elixido  polos progresistas, para apoiar a proposta gobernamental. Pola mesma corrente fora designado o senador Carlos Espínola, que tamén apoiou a norma.

Cinco deputados acaban nun hospital

A sesión no Senado desenvolveuse no medio dunha forte represión na rúa contra unha mobilización progresista que rexeitaba a lei. O ataque contra as persoas que se manifestaban comezou precisamente cando un grupo de lexisladoras e lexisladores de esquerda saía do Congreso para sumarse á protesta cando ía cantar o himno arxentino, nese momento, as forzas de seguridade comezaron “a rodearnos” e tirarnos bombas lacrimóxenas, denunciou a deputada Cecilia Moreau. Cinco deles tiveron que recibir atención nun hospital oftalmolóxico entre reportes de que os axentes dispararon directamente aos seus rostros.

O Executivo ultradereitista gabouse amais da represión, sostendo que a mobilización era “un intento de golpe de Estado” e cualificando de “terroristas” as persoas participantes.

Comentarios