Un xuíz acusa Puigdemont e Mas de alta traizón para intentar evitar que se lles aplique a lei amnistía

Busca esquivar unha orde da Audiencia de Barcelona que anulou a extensión da instrución.
Carles Puigdemont e Josep Rull a quinta feira. (Foto: Junts)
photo_camera Carles Puigdemont e Josep Rull a quinta feira. (Foto: Junts)

Tres semanas despois de que o Congreso aprobara definitivamente a lei de amnistía, multiplícanse as manobras por parte da Xustiza española, controlada polos conservadores, para limitar e obstaculizar a aplicación da medida de graza. A última está protagonizada polo xuíz Joaquín Aguirre, do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, que, segundo transcendeu a sexta feira, abriu unha peza separada arredor da presunta ‘trama rusa’ no marco do proceso de autodeterminación catalán con acusacións de alta traizón, un delito excluído da amnistía, e malversación.

Como investigadas aparecen 13 persoas, entre elas o ex presidente catalán e candidato de Junts, Carles Puigdemont, e o tamén ex mandatario Artur Mas, o deputado da mesma formación Francesc de Dalmases, a ex alto cargo do Govern Elsa Artadi e o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, canda empresarios e xornalistas.

En paralelo, Aguirre demandou ao Tribunal Supremo que se faga cargo da investigación contra Puigdemont e Dalmases, ao estar aforados como deputados do Parlament.

Nesta nova peza o xuíz busca investigar supostas conexións entre o Goberno ruso e Puigdemont e as persoas que colaboraban con el, “que terían facilitado a infiltración de persoas de orixe rusa en territorio español co obxectivo de influír nas estruturas financeiras e na realización de actividades de desinformación, desestabilización e alteración da paz social”.

A decisión trata de esquivar a resolución de comezos de xuño da Audiencia de Barcelona, que anulou a prórroga de seis meses anunciada por Aguirre da instrución, a pesar de que non foi quen de engadir ningún elemento novo á investigación nos últimos anos e que só conta cunha fonte para estas acusacións, a axenda, os móbiles e outros materiais do ex secretario de Relacións Internacionais de Convergència Democrática de Catalunya (CDC), Víctor Terradellas, que afirmou ter pedido á Generalitat en 2017 que se reunise con dous supostos emisarios rusos que se terían ofrecido a colaborar coa secesión, e aos que Puigdemont non deu ningunha credibilidade.

Orde de arresto

Precisamente a sexta feira, a Avogacía do Estado reclamou ao Supremo que erga de forma inmediata a orde de detención contra Puigdemont en virtude da lei de amnistía. Nese sentido, A Fiscalía fixo con anterioridade a mesma demanda tras un forte debate no seu seo, no que finalmente se impuxo o fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, favorábel a implementar de forma íntegra a amnistía.

Comentarios