A Comisión Europea abre a porta a integrar galego, catalán e éuscaro na plataforma europea de idiomas

Son linguas vehiculares nos sistemas educativos de cadanseu territorio e a súa ausencia supón un caso de discriminación prohibido polo artigo 21 da Carta Europea de dereitos fundamentais.

Mariya Gabriel, comisaria europea de de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Mariya Gabriel, comisaria europea de de Innovación, Investigación, Cultura, Educación e Xuventude. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A responsábel de innovación, investigación, cultura e mocidade da Comisión Europea, a comisaria Mariya Gabriel, comprende o interese das comunidades educativas que traballan en galego, catalán e éuscaro por atopar ferramentas de apoio nestas linguas na plataforma europea de soporte lingüístico en liña (OLS) e "agradece ás rexións implicadas o apoio que están a ofrecer para alcanzar este obxectivo".

Após se manifestar neste sentido, a comisaria comprométese a estudar a fórmula para integralas na plataforma, informou o PNV.

A comisaria Gabriel respondeu así a unha pregunta parlamentaria realizada por varios eurodeputados cataláns e vascos –Izaskun Bilbao, Antoni Comín , Clara Ponsatí, Carles Puigdemont, Diana Riba e Jordi Solé– e asinada tamén polos tres copresidentes do intergrupo de minorías tradicionais e linguas minorizadas, Loránt Vincze, François Alfonsi e Kinga Gál.

Cambio de posición

Segundo avanzou o PNV, a resposta de Bruxelas supón "un xiro de 180 graos" na posición que mantiña até a data, caracterizada por "unha rotunda negativa" a atender esta reclamación.

A comisaria Gabriel confirmou que "a Comisión recibiu a solicitude do Goberno de España para incluír o catalán, o éuscaro e o galego na plataforma de apoio lingüístico en liña" e declara "ser consciente de que as linguas cooficiais do Estado español non só están moi presentes en todos os aspectos da vida nas respectivas comunidades autónomas, senón que tamén son linguas de aprendizaxe nos sistemas educativos destas comunidades".

Mentres nestes soportes non aparecen nin galego, nin éuscaro, nin catalán, si se ofrecen servizos en linguas de Estados alleos á Unión

En consecuencia, engade, as autoridades comunitarias consideran que a reclamación e o interese "por ofrecer apoio lingüístico aos estudantes que participan nestes sistemas educativos é comprensíbel". 

É por iso que "a Comisión está a estudar a viabilidade desta solicitude, tendo en conta os factores de proporcionalidade e rendibilidade".

Desaparecidas

Nos últimos meses, indicou o PNV, foron numerosas as iniciativas destinadas a facer cambiar a negativa inicial de Bruxelas. Entre elas destacan iniciativas conxuntas no Senado e Parlamento europeos para propiciar que o Goberno estatal expuxese oficialmente a petición.

Tamén se formularon preguntas dirixidas á Comisión ademais dunha comparecencia conxunta de responsábeis educativos da Galiza, Catalunya, Balears e Euskadi na que ofreceron publicamente pór todos os seus recursos dixitais de apoio á aprendizaxe destas linguas a disposición das autoridades comunitarias para integralos nestas plataformas. 

O PNV lembrou que, recentemente, presentouse un informe que analiza o comportamento da Comisión e as institucións europeas dez anos despois de que se aprobase no europarlamento o chamado "informe Alfonsi", que constata que "as linguas rexionais ou minorizadas non aparecen como factor positivo para a comunicación, a formación ou o emprego nas iniciativas europeas máis importantes como Mozas en Movemento, Axenda Dixital para Europa ou a axenda para novas habilidades e empregos".

Un dereito fundamental

Tampouco en plataformas de servizos que dependen da Comisión, "fundamentais" para os programas de intercambio, como a OLS; a aplicación Europass, para elaborar currículos homoxéneos e recoñecíbeis en toda Europa; programas de tradución automática e outros servizos similares, que "ignoran por completo que millóns de estudantes se forman nesas linguas, que sistemas educativos utilízanas como lingua vehicular e que se emiten titulacións nelas", recolle o informe.

Mentres nestes soportes non aparecen nin galego, nin éuscaro, nin catalán, apuntaron desde o PNV, si se ofrecen servizos en linguas de Estados alleos á Unión.

Por estas razóns, o estudo concluía tamén que estes feitos, protagonizados por institucións comunitarias e no exercicio das súas competencias comunitarias "supoñen, de facto, un caso de discriminación expresamente prohibido polo artigo 21 da Carta Europea de dereitos fundamentais".

Comentarios