Ensino

VÍDEO | Das Irmandades da Fala á Semente: un documental afonda nos cen anos das Escolas de Ensino Galego

A rede de escolas Semente presenta o documental 'Aprender na língua própria'.
Crianzas dunha Escola Semente (Foto: Semente).
photo_camera Crianzas da Semente, nun fotograma do documental.

En 1923, nun momento no que a lingua galega brillaba pola súa ausencia no eido educativo, ilustres militantes das Irmandades da Fala como Ánxel Casal, María Miramontes, Leandro Carré ou Elvira Bao abriron unha primeira —e imprescindíbel— xanela ao idioma propio do país entre as crianzas coa creación na Coruña das Escolas do Insiño Galego. Perseguían como obxectivo principal fundar unha escola que "redimise o pobo galego da ignorancia e inculcase nas xeracións futuras a verdadeira conciencia galega".

Este pioneiro proxecto pedagóxico durou pouco, apenas unha década, mais hoxe, alcanzado xa o seu centenario —o pasado 8 de xullo—, a súa chama continúa acesa da man da rede de centros Semente, fundada en 2011 e que agora celebra esta efeméride reivindicando o legado de quen os precederon no tempo. O documental Aprender na língua própria. Das Escolas de Ensino Galego à Semente, producido por Aqueladas S. Cooperativa e cofinanciado pola Deputación da Coruña, afonda na historia deste centros nos que se formaron figuras posteriormente destacadas do galeguismo como Julio Pita ou Fernando Suárez.

"O coñecemento deste pasado recente constitúe un espello onde se reflicte a iniciativa educativa Semente, a través dun diálogo aberto entre épocas que conflúen en problemáticas semellantes que aínda prevalecen: discriminación lingüística, centralismo educativo e minorización cultural", salientan desde a organización.

Semente ve esta peza audiovisual como "unha contra-historia dos tópicos coloniais atribuídos ao pobo galego" e o "testemuño vivo da capacidade organizativa da cidadanía galega na defensa do seu dereito inalienábel a unha educación auto-centrada e en lingua propia".

Estrea do documental

O documental proxectarase o vindeiro 18 de setembro, ás 20 horas, no Duplex Cinema de Ferrol; o día 23 (12h), na Sala Numax de Santiago, e o 29 (19.30h), no salón de actos da Deputación de Lugo.

E esta mesma tarde, ás 19 horas, estrearase na AC Alexandre Bóveda da Coruña, coa participación de Antón Costa, catedrático de Historia da Educación; Irene Pin, de Aqueladas S. Cooperativa, e Santiago Quiroga, coordinador nacional de Semente.

Comentarios