Denuncian a eliminación dunha praza de profesorado de lingua portuguesa na Escola Oficial de Idiomas de Lugo

A deputada nacionalista Iria Taibo denuncia que a decisión vai en contra dun dos obxectivos da Lei Paz-Andrade, o de fomentar a aprendizaxe da lingua portuguesa en Galiza

Escola oficial de idiomas de lugo foto academia format
photo_camera Escola Oficial de Idiomas de lugo (Foto: Format)

A responsábel de Relacións Exteriores e Lusofonía do BNG, Iria Taibo, denuncia a eliminación dunha das tres prazas de profesorado de portugués que dispón na actualidade a Escola Oficial de Idiomas de Lugo. A decisión vai en contra dun dos principais obxectivos da Lei Paz-Andrade, o fomento da aprendizaxe da lingua portuguesa en Galiza, advertiu.

Para Taibo, esta supresión “resulta incomprensíbel” porque as cifras de matrícula de portugués “parecen estar relativamente estábeis, con entre  80 e 100 alumnos nos últimos cinco anos”. 

Ademais, a praza en cuestión “está consolidada, xa que foi ocupada por un profesor interino durante 14 anos” e formou parte en 2023 do Concurso de Estabilización polo que estaría dispoñible na convocatoria de traslados do vindeiro curso”.

Nas oposicións para 2024 inclúense catro prazas de portugués para Escolas Oficiais de Idiomas, polo que “non parece que corresponda eliminar prazas, senón máis ben todo o contrario”, apuntou.

A deputada nacionalista denuncia ademais que outros departamentos cun número de alumnado significativamente inferior, como é o caso de alemán ou italiano, “non van sufrir a redución de profesorado”. Neste senso, sinala que, ao non abrirse aínda a matrícula para 2024, “non é posíbel ter unha previsión do aumento ou diminución do número de alumnos e alumnas”.

Taibo lémbralle o Goberno galego que en diferentes ocasións ten manifestado o seu apoio aos obxectivos da Lei Paz-Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 2014. Tamén lle recorda que se vén de debater no Pleno do Parlamento galego o cumprimento desta Lei, e que “dous membros do Goberno Galego afirmaron estar de acordo cos seus obxectivos, comprometéndose a cumprila”..

“É preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística, un valor que evidencia a importancia mundial do idioma oficial dun país veciño, tendo en conta tamén o crecente papel de bloques como a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa”, asegura.  É por iso que o BNG reclama na iniciativa o mantemento das tres prazas para o curso 2024-2025, de acordo cos obxectivos da Lei Paz- Andrade.

Comentarios