ENTREVISTA

Elias Feijó, decano de Filoloxía da USC: "Se creamos esferas de apoio, o emprego da lingua virá como consecuencia"

En febreiro de 1975 naceu a actual Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 50 anos que se conmemoran neste curso académico 2024-2025 con actos, oito conferencias a cargo dos ex decanos e ex decanas (a primeira, pasadomañá, con Ramón Lorenzo Vázquez), eventos culturais e publicacións. 'Nós Diario' entrevista o actual decano de Filoloxía, Elias Feijó Torres, sobre o extenso programa do 50 aniversario e o contributo da facultade ao país, ao idioma e á Universidade.
Elias Torres-7
photo_camera O decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elias Feijó Torres. (Foto: Arxina)

Que supuxo hai 50 anos a Facultade de Filoloxía en relación ao idioma galego?
Os estudos de Filoloxía son centenarios na Universidade de Santiago de Compostela, posto que xa existían os de gramática, por exemplo. Na realidade, o galego e a Galiza estaban fóra dese mundo. Nos anos 70 comezan a darse pasos tímidos e créanse o Instituto de Estudios Rexionais e o Instituto da Lingua Galega (ILG) posteriormente no ámbito da Filoloxía Románica. Comezan os traballos de campo sobre a realidade falada, de tal modo que se chega a mediados de década á primeira cátedra de lingua e literatura galega con Ricardo Carvalho Calero. Isto coincide co nacemento da Facultade de Filoloxía como ente separado das súas orixes conxuntas coas de Filosofía e Historia. 

Neste cadro, por diferentes vías, persoas vinculadas ao ILG e ao propio Carvalho Calero comezan tamén a impulsar, dentro da universidade e apoiando outras iniciativas externas políticas e culturais, o galego. Non hai dúbida de que existía unha efervescencia galeguista na universidade. Pódese dicir que a facultade, ao integrar algúns tímidos estudos de lingua e literatura galega, contribuíu tamén a esta expansión. Coa primeira promoción graduada saíu a subsección de galego-portugués dentro de Filoloxía Hispánica. Manterase até os anos 90 cando se acorda a súa separación en Filoloxía Galega e Filoloxía Portuguesa.

E que supón na actualidade para o idioma?
Aquí fórmase en boa medida o futuro profesorado de lingua e literatura galega, polo que o noso papel é moi relevante. Contamos con múltiples figuras importantes no ámbito educativo e da investigación, ademais dos alumni da facultade dedicados á literatura, á poesía ou á música. As nosas cátedras son motores de presenza de lingua e cultura, das plurais visións do mundo que son posíbeis en galego. O noso labor é un proceso de reflexión sobre como podemos contribuír agora mesmo ao servizo dunha sociedade. Isto ten que ser o noso núcleo de actividade. Os 50 anos son un bo pretexto para observar, analizar e intervir, non para ollar ao noso embigo. 

A principios deste ano foi reelixido decano. Que se espera dun mandato coincidente co medio século de historia?
En termos individuais, é todo un privilexio. Obviamente, é unha responsabilidade para facelo ben e integrar toda a comunidade universitaria e a sociedade galega informando do que facemos. Debémonos á sociedade, que financia as universidades públicas, e amosámoslles as fortalezas das nosas utilidades e para que serve a filoloxía. É un papel de primeira magnitude. 

Vostede é catedrático de Filoloxía Galega, está a gañar na actualidade este grao interese entre a mocidade?

As persoas que entran gañan interese, mais non é todo o que desexaríamos. Mantense certa estabilidade nas matrículas, pero gustaríanos unha demanda maior. Ao final, é termómetro de que o estado actual do galego non é o mellor. Este ano completáronse 42 prazas de 50 ofertadas en Filoloxía Galega e nos anteriores cubríranse todas.

Falta impulso doutras institucións públicas no apoio ao galego?
Considero que é máis unha cuestión social. É verdade que os poderes públicos sempre poden facer máis, pero tamén é unha vontade popular. Mais que estar continuadamente demandando aos poderes públicos, hai que facer unha reflexión sobre que está facendo a sociedade. Hai que pensar en máis proposicións e innovacións e menos en ficar na esfera dunha pura reclamación. 

A título persoal, penso que a insistencia no uso do galego é un erro para determinados sectores sociais, porque nos seus modos de vida o emprego da lingua ten máis problemas que vantaxes. Polo tanto, se incidimos no uso, esas persoas vanse sentir traidoras da lingua e afástanse. Hai que favorecer a transición, reclamando un apoio e sen imposición. É posíbel que unha persoa non empregue o galego, mais que si que queira a existencia de música, publicacións e aprendizaxe nesta lingua. Cada quen ten a súa posición, facilitemos as transicións e non sexamos maximalistas. Sexamos inclusivas no proxecto galeguista. Se creamos esferas cómodas de apoio, de sentimento e pertenza, o emprego da lingua vai vir como consecuencia, directa ou indirectamente.

As carreiras de humanidades, especialmente as asociadas ás linguas, adoitan ser albo da crítica sobre a súa “utilidade”, mais como convive isto cunha facultade que non esmoreceu en 50 anos?
Estudos recentes indican que o grao con maior inserción é Filoloxía Clásica. Hai que superar un abismo; aquí non se estuda só para traballar no ensino. Hai uns días fixemos un encontro na facultade e atopámonos con lingüistas que están traballando en empresas diversas e que se saen da norma. As profesións do futuro van demandar destrezas e competencias máis aló dos coñecementos. Hai un conxunto de posibilidades para as disciplinas que, a través dos textos, estudan como actúan e pensan determinadas comunidades e como inciden entre elas. A filoloxía ten un papel moi relevante nisto. 

Entre 1982 e 1987 vostede estudou nesta facultade. Cal é a súa perspectiva agora como decano dunhas paredes que seguiron o seu camiño formativo?
Provócame certa saudade. A facultade que vivín nos anos 80 tiña unhas características concretas, porque había arredor de 3.000 estudantes nunha época a medio camiño entre a efervescencia política e o desencantamento político. Tamén se traducía no ámbito social e cultural, creando un mundo estudantil que protagonizaba a vida de Compostela de forma importante e que actualmente está diluído. Os tempos mudaron en todos os sentidos. Nesta facultade buscamos formar estudantes chamados a intervir e participar na cidade, que volverá ser rica cando voltee os ollos de novo sobre a universidade, etapa vital e paso previo chave cara á vida adulta. 

Uxía e Xurxo Souto voltan á súa facultade con actuacións musicais

A música acompañará a celebración do medio século de vida da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O primeiro concerto será o dos seniors, entre os que se atopan ex estudantes da facultade como Xurxo Souto ou Uxía Senlle. A actuación está pensada para o 26 de febreiro de 2025. Por outra parte, Isaura Framil, estudante actual, impulsará un concerto no que participará alumnado ou alumni recentes que se dedican á música.

A previsión é que decorran no mes de abril. “Estamos pensando nun último como feche das actividades, a finais de 2025, no que participen membros da facultade de todo tipo que se dediquen tamén á música sen necesidade de ser profesional", explica o decano Elias Feijó. "A idea é transmitir un sentido comunitario e de pertenza”, conclúe.

Comentarios