Campaña de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal: un ano de dominio e hosting de balde coa subscrición a un dos medios da asociación

Desde 17 até 31 de maio, as persoas que se subscriban a algún os medios en galego participantes na campaña recibirán un dominio .gal e un hosting totalmente de balde e durante o período dun ano.

O primeiro número de 'Nós Diario', na rotativa.
photo_camera Un número de 'Nós Diario' na rotativa (Foto: Nós Diario)

Neste mes de maio e pola conmemoración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, a provedora de servizos dinahosting e PuntoGal unen esforzos para apoiar o uso do galego na rede a través da iniciativa “Subscríbete ao galego”.

Desde 17 até 31 de maio, as persoas que se subscriban a algún os medios en galego participantes na campaña recibirán un dominio .gal e un hosting totalmente de balde e durante o período dun ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros.

As persoas usuarias beneficiarias recibirán os seus códigos para obter até 30 de xuño o seu hosting e dominio gratis.

“Nun mundo tan globalizado e marcado polo emprego da tecnoloxía, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal queremos contribuír a un maior uso da nosa lingua na Internet”, indican estas entidades a a través dun comunicado.

Un dominio .gal e un hosting web de balde permitiranlles ás persoas beneficiarias “gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio e iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ningunha inversión inicial. Un xeito de impulsar a comunidade de creación de contido en galego e de fomentar a normalización do idioma en todos os ámbitos”.

Ao mesmo tempo, esta campaña supón un reforzo para cada un dos medios que participan. Achégalle valor engadido ás persoas que queiran subscribirse é a mellor forma de seguir gañando base social e de que os medios galegos gañen peso.

Os medios con subscrición que participan nesta campaña son: 

radiofusion.gal

praza.gal

nosdiario.gal

luzes.gal

temposdixital.gal

mazarelos.gal

nostelevision.gal 

Ademais, apoian a campaña os seguintes medios (que non teñen subscrición): 

galiciaconfidencial.gal

codigocero.gal

obarbanza.gal

quepasanacosta.gal

Cerne

A trabe de ouro

gciencia.gal

xornaldacoruna.gal

Comentarios