A Sala Segunda do Tribunal Supremo presidida polo maxistrado Manuel Marchena, devolveu o escrito presentado por Esquerda Unida no que se pedía investigar o rei emérito Xoán Carlos I debido a que foi presentada en galego e "non consta tradución" do escrito.
Esquerda Unida e o Partido Comunista de Galiza presentaron o pasado 12 de agosto unha querela criminal contra o rei emérito, na que solicitaban que fose "xulgado polos seus actos entre os que están sete supostos delitos: suborno, delito contra a facenda pública, administración desleal, fraude e exaccións ilegais, branqueo de capitais, encubrimento, ameazas de morte condicionais, descubrimento e revelación de segredos, omisión do deber de perseguir delitos e corrupción de particulares".
Agora, a Sala Segunda do Supremo devolve o escrito alegando que o idioma galego "ten plena validez e eficacia" na comunidade, pero "debe, no entanto, ser traducido cando teña efecto fóra" dese ámbito territorial.
A coordinadora de Esquerda Unida considera que o motivo argumentado "supón unha vulneración dos dereitos lingüísticos e unha interpretación terxiversada" do contido do artigo 231.4 da lei de procedemento xudicial.
"O galego é a lingua oficial de Galiza e ten plena validez e eficacia" na xustiza, lembra Eva Solla, a coordinadora de Esquerda Unida, quen entende que resulta "unha decisión interesada e amparada nunha falta de respecto á legalidade para evitar a reapertura da querela criminal contra o rei Xoán Carlos I".
Esquerda Unida denuncia que unha vez máis o galego supón unha pexa para a xustiza incorrendo, así, nunha vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía a expresarse na súa lingua, á vez que "supón unha interpretación terxiversada", faltando "ao respecto da legalidade de expresarse na lingua da Comunidade Autónoma".