A Coruña aínda mantén 141 símbolos franquistas

Rúas, retratos, distincións honoríficas, monumentos e outros símbolos.
Membros da Comisión pola Memoria Histórica da Coruña diante da casa natal de Barrié de la Maza, nunha protesta decorrida o pasado ano.
photo_camera Membros da Comisión pola Memoria Histórica da Coruña diante da casa natal de Barrié de la Maza, nunha protesta decorrida o pasado ano.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda acolleu a presentación do informe Pola eliminación da simboloxía franquista na Coruña (141), "unha proposta para un programa de Goberno" após as eleccións municipais, asinada polo sociólogo e vítima do franquismo Manuel Monge.

Quince anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica e cinco meses despois da aprobación da Lei de Memoria Democrática, aínda quedan 141 símbolos franquistas na Coruña, destacou Monge, acompañado pola presidenta da asociación, María Xosé Bravo.

En concreto, 30 rúas, 21 retratos, 28 distincións honoríficas (fillos adoptivos e predilectos, medallas, alcaldes honorarios); 44 monumentos, placas e escudos, 14 exemplos de simboloxía franquista en dependencias do Ministerio de Defensa e catro centros de ensino.

O informe, que será entregado á alcaldesa e a todos os grupos municipais, inclúe unha análise dos criterios para a eliminación da simboloxía franquista de acordo coa lexislación vixente "incumprida polo concello da Coruña".

Recolle, tamén, máis de 40 propostas de actuación en materia de eliminación da simboloxía, homenaxe e atención ás vítimas do franquismo, lugares da memoria democrática, a memoria democrática no ensino e colaboración con asociacións e institucións.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios