"Aí pensei que morría": dúas patronatas relatan os horrores en institucións relixiosas após o franquismo

Unha charla decorrida esta sexta feira en Moaña (O Morrazo) evidencia que o brutal control sobre a moralidade feminina que levou a cabo a ditadura e que provocou o encerro de miles de nenas consideradas “descarreiradas” pola Igrexa, mantívose moito máis alá da morte de Franco e mesmo coa primeira maioría absoluta socialista.
Loli Gómez Benito e Consuelo García del Cid, esta sexta feira, en Moaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Loli Gómez Benito e Consuelo García del Cid, esta sexta feira, en Moaña. (Foto: Nós Diario)

Era a primeira vez que Galiza tiña a oportunidade de escoitar en directo o relato de Loli Gómez Benito e Consuelo García del Cid Guerra sobre o seu paso polo Patronato de Protección a la Mujer, institución franquista que entre 1941 e 1985 fechou en congregacións relixiosas a miles de mozas que consideraba fóra do seu modelo único de muller, o que estabelecía como únicas saídas dignas o matrimonio católico ou o convento. 

A cita non defraudou. O público moañés emocionouse e gardou un silencio sepulcral mentres Gómez Benito relataba as violacións ás que fora sometida, primeiro polo seu pai e logo polo xardineiro que coidaba as instalacións da institución relixiosa na que a fechara o Tribunal de Menores, supostamente para protexela. E aplaudiu a vehemencia de García del Cid Guerra á hora de denunciar os abusos das congregacións relixiosas que facían de carcereiras e as sometían a explotación laboral por algo moi afastado da caridade cristiá: a avaricia. 

O pesadelo de Consuelo García del Cid comezou en 1975. O ano en que morreu o ditador foi ingresada nas Adoratrices de Madrid por decisión da súa familia, que non vía con bos ollos a súa cada vez máis importante adhesión á causa antifranquista.

Durante a súa intervención en Moaña, lembrou como un día ao espertar atopou no cuarto ao doutor que a atendía desde pequena quen, baixo o pretexto de pórlle unha vacina, administroulle un potente somnífero que a durmiu durante vinte e catro horas. Cando espertou estaba nun cuarto fechado do que só recoñecía a súa maleta. Ao abrila viu roupa de inverno e verano polo que soubo que a súa estadía nese lugar descoñecido sería longa. 

O seu desamparo creceu ao mirar pola fiestra e darse conta de que os coches tiñan matrícula de Madrid, e non da súa Barcelona natal. Así foi como soubo que tras ser drogada fora trasladada á capital do Estado. O seu primeiro aceno de resistencia foi golpearse contra a parede e baixar a almorzar coa cara morada. Mais calquera subversión era inmediatamente castigada e as monxas adoratrices que dirixían aquel reformatorio axiña decidiron trasladala a Ávila. “Aí pensei que morría”, relatou García del Cid no acto desta sexta feira. Mais non foron quen de moldeala e iniciou unha folga de fame. 

Fregar o chan da igrexa coa lingua

Malia o seu carácter loitador e decidido, a autora de libros como Las desterradas hijas de Eva compartiu co público de Moaña un dos episodios máis terríbeis da súa estadía no Patronato: O día en que se subiu ao andamio que colocaran uns obreiros nas ventás da institución co ánimo de quitarse a vida. “Outra compañeira tirou de min para dentro e díxome ao oído: 'Non lles deas o gusto de ter outra morta'”. Nin sequera a coñecía. As monxas intentaban minimizar ao máximo o contacto entre as internas e malia iso, antes de abandonar o seu encerro prometeulles ás súas compañeiras que un día sería xornalista e contaría o que lles fixeran: os desprezos, como o daquela monxa que lle dixo que lle encantaría poder quitarlle o cerebro para lavarllo con lixivia. Os abusos, como a obriga de pasar a lingua polo chan da igrexa, que narrou outra das súas compañeiras na teima de romper o silencio do patronato, no documental do xornalista Jon Sistiaga. 

A explotación, que a obrigaba a entregar íntegro o soldo que gañaba como coidadora das crianzas dunha familia, xa na última etapa do seu encerro. “Logo se quería mercar unhas bragas tiña que pedirlle á monxa un pouco daqueles cartos que eu gañara, como se non foran meus”. Saíu das institucións do Buen Pastor de Barcelona, a última parada do seu encerro, en 1977, cando os quioscos xa lucían portadas de mulleres núas que ela temía acabarían encerradas no Patronato, como lles pasara a outras por moito menos. E malia que xa había meses que Franco fora enterrado non era tan tolo pensar así pois Loli Gómez Benito pisou por vez primeira Santa María de Goretti, en Madrid, no ano 1980. Enviouna o Tribunal de Menores logo de que marchara varias veces de casa para fuxir do seu pai, que abusaba dela.

Estando alí, as monxas mandárona axudar ao xardineiro e advertíronlle que calquera queixa del incrementaría os seus días de encerro. Así que Loli tivo que soportar de novo os abusos sexuais daquel vello que tiña o seu destino nas súas noxentas mans. “Malia o que pasara co meu pai, eu quería volver á casa porque alí estaba a miña nai, que nunca soubo o que eu estaba pasando e a que eu adoraba”. Cando regresou seguiron os abusos e quedou embarazada, o que causou un novo ingreso, desa volta na maternidade de Peñagrade. 

Contou en Moaña que ao pouco de dar a luz morreu a súa nai e ao chegar a Semana Santa as monxas obrigárona a ir co seu proxenitor, que a fechou nunha pensión e a volveu preñar. Mais ninguén lle preguntou nunca como fora posíbel estando co pai. Só a obrigaron a dar as dúas criaturas en adopción. Dentro do seu compromiso de romper o silencio, Consuelo Gómez del Cid Guerra acaba de publicar un libro, Dolores, no que precisamente relata polo miúdo a historia da súa amiga Loli Gómez Benito.

A Coruña recibe este sábado Gómez Benito e García del Cid Guerra

García del Cid e Gómez Benito estarán a partir das seis e media desta tarde no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña,  para seguir botando luz sobre unha das institucións máis descoñecidas da ditadura. Sobre ela ficou o relato tramposo de monxas caritativas que axudaban mozas “descarreiradas”, moitas relacionadas coa prostitución. Pero como se insistiu esta sexta feira en Moaña, nin foi un lugar de protección nin a maioría das internas tiña nada que ver con esta actividade, “aínda que a algunha a abocaron as monxas a prostituírse como único forma de subsistir tras fuxir delas”. Outras só lograron facelo tirándose pola fiestra e por iso a Loli e Consuelo non lles gusta que lles chamen vítimas: elas son sobreviventes porque tras pasar polo inferno poden, e queren, contalo.  

Comentarios