Contracultura

Laura López: "Hai moita documentación sobre a vida cotiá de Aldonza de Mendoza e había que darlle valor"

Laura López (A Coruña, 1988) é a autora de Todo pasa, unha obra que tece as vidas de dúas mulleres entre o pasado e o presente e coa que foi galardoada co premio de novela curta Antón Risco, convocado pola Fundación Vicente Risco.

Laura López 1
photo_camera 'Todo pasa' é a primeira obra de Laura López Drusetta e será publicada no selo editorial Doutor Alveiros. (Foto: Nós Diario)

—Por que quería contar a historia destas dúas mulleres?
Hai anos fixen a miña tese de doutoramento en literatura medieval e atopei unha personaxe que me pareceu moi interesante, Aldonza de Mendoza, que é unha muller que viviu no século XV. Pertencía á nobreza castelá e foi unha das mulleres con máis relevancia económica no seu tempo. Despois de presentar a tese, a súa figura seguía dando voltas na miña cabeza polo que se me ocorreu a idea de escribir unha obra curta que contara a historia de Aldonza.

O que pasa é que me parecía que centrar toda a trama no século XV ía ser un pouco árido. Así, decidín combinala coa trama dunha muller galega actual, Carmela, que tamén ten a súa historia e a súa valía por diferentes motivos que se tratan na obra. Os problemas que podemos ter hoxe en día nós, especificamente as mulleres, son similares aos problemas que puido ter unha muller hai cinco ou dez séculos. Esa perspectiva que se dá ao cruzar as historias é moi interesante porque permite entender as distintas problemáticas que se daban e que relación teñen coas que se dan agora. A intención é traer as historias do pasado ao momento actual e dun xeito que se poidan asumir. Ademais, se ben xa hai moitas historias que entrelazan así as historias, si que creo que é algo que está de moda e que non deixa de ser interesante. 

—Con todo, aínda que son dúas mulleres, Aldonza ten unha posición de privilexio que Carmela non ten.
Os problemas que se abordan na obra no caso de Aldonza, que están documentados, tampouco varían tanto dos que se poden atopar na época actual outras mulleres. Carmela é unha muller que podería ser calquera de nós hoxe en día: é modesta, traballa como limpadora, mais tamén estivo implicada na industria do peixe. Poderiamos pensar que a posición económica de Aldonza é garantía doutras cousas, mais realmente non é así.

Igual que acontece no caso de Carmela, tamén poderíamos pensar que despois de tantos séculos habería máis temas resoltos no que respecta á igualdade entre homes e mulleres ou aos privilexios. Evidentemente o movemento feminista acadou grandes logros, mais hai certos aspectos pendentes que a personaxe de Carmela me permitía sinalar.

—Despois de realizar a súa tese, tivo que buscar máis documentación?
A miña tese xiraba arredor de tres homes poetas de cancioneiro do século XV, un deles, Diego Hurtado de Mendoza, o pai de Aldonza. Por iso, unha vez que estiven metida na investigación histórica acabei lendo cousas dela e publicacións nas que se contaban historias sobre ela e o seu marido, o nobre galego Fadrique Enríquez. Chamoume a atención que moitos documentos incidían sobre temas cotiáns que lle aconteceron a ela e que quixen reflectir en Todo pasa. Aínda así, comecei a traballar como profesora de secundaria e foi quedando un pouco de lado. 

O ano pasado entráronme as ganas de intentar escribir algo e presentei algúns relatos a concursos e de súpeto lembreime deste tema. Foi aí cando comecei a buscar a maneira de intentar trasladar toda a documentación que temos dela na bibliografía científica á ficción para darlle voz e póla en valor.

Temos personaxes medievais moi interesantes, algunhas que xa aparecen nas obras de ficción e outras que aínda non. Até onde eu sei, este último era o caso de Aldonza de Mendoza.

Comentarios