O BCE non mercará débeda

As declaracións do Mario Draghi após a última xuntanza do Banco central europeo fai tremer máis unha vez a bolsa e pon en xaque as economías italiana e española.

Comisión Europea
photo_camera Comisión Europea

Nestas últimas semanas especulouse moito respecto da compra de débeda por parte da máxima institución financeira da zona euro. O Estado español e Italia, as novas presas dos mercados financeiros internacionais, sofren as consecuencias da negativa do BCE.

Na conferencia de prensa desenvolvida a pasada quinta, o director do BCE, Mario Draghi desbotaba toda posibilidade de que a institución financeira intervise mercando débeda soberana das economías con maiores dificultades económicas da eurozona e os mercados (re)activaban a súa ofensiva, a prima de risco –empregada como ferramenta de control social-- superaba os 600 puntos e os xuros alcanzaban máis unha vez o 7%.

Malia que se agardaban propostas concretas encamiñadas a controlar os efectos da crise na eurozona, Draghi tan só defendeu o carácter irreversíbel do proxecto euro e a posición de manter os xuros –dos empréstitos a entidades financeiras privadas-- no 0,75%. Así mesmo, o director do BCE, asegurou que a compra de obrigas estatais a través do mecanismo de estabilidade financeira dependerá de que o Estado español e Italia acepten máis un programa de axuste económico. A negativa de Alemaña a intervir coa compra de débeda as economías máis agraviadas condiciona o posicionamento do BCE, pois entenden que se a institución intervén “será semellante ao financiamento estatal a través da porta traseira”, como afirmou o secretario xeral da Unión Social Cristiá (USD).

Perante as declaracións do director do BCE e nunha conferencia de prensa conxunta co primeiro ministro italiano, Mario Monti, o presidente do Estado español amosouse “optimista” a pesar dos indicadores económicos que poñen en evidencia o fracaso das súas políticas de axuste, recorte e refinanciamento. Do mesmo xeito, non desmentiu a posibilidade dun rescate directo da economía española . Esta sexta, o presidente español fará balance dos meses que leva no executivo nunha rolda de prensa após o Consello de ministr@s.

Máis en Mundo
Comentarios