25 anos de Lores como alcalde de Pontevedra: "A realidade superou as mellores previsións"

O BNG celebra o cuarto de século que leva Miguel Anxo Fernández Lores á fronte do Goberno pontevedrés nun multitudinario acto no que se puxeron en valor os seus logros coa vista posta no futuro. "Hai Lores para dar e tomar", augurou Ana Pontón.
Acto conmemorativo dos 25 anos de Goberno do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, na tarde deste sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto conmemorativo dos 25 anos de Goberno do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, na tarde deste sábado. (Foto: Nós Diario)

O BNG e Miguel Anxo Fernández Lores conmemoraron este sábado os seus 25 anos na Alcaldía de Pontevedra coa vista posta no futuro. No acto organizado nun Teatro Principal no que o estivo arroupado por todo o seu equipo e mais a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, o rexedor amosou o seu convencemento de que "a viaxe conxunta ao porvir" que a cidade comezou en 1999 con el á fronte do Goberno local "aínda ten moitas etapas que avanzar", e probabelmente —dixo—, "as máis importantes por percorrer".

Subliñou que os retos que veñen por diante "son de aúpa" e "van revolucionar o día a día das nosas vidas e das nosas cidades", polo que apostou por aproveitar a posición avanzada na que está Pontevedra e seguir confiando no proxecto e o modelo de cidade nacionalista. "Entre todos e todas imos seguir avanzando, superando retos e conquistando un futuro mellor. Adaptarse e adiantarse non vai ser fácil, vai exixir estar en tensión, usar moita intelixencia e moita ilusión, moita razón e máis corazón. Pero estou convencido de que Pontevedra os vai superar con éxito. Pontevedra non vai renunciar a seguir avanzando, a ser un concello de vangarda", afirmou.

Intervención de Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Nós Diario)
Intervención de Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Nós Diario)

Lores botou a vista atrás e lembrou que en abril de 1999 o grupo do BNG fixo á cidadanía "unha proposta radicalmente diferente, alternativa, rompedora e novidosa, contracultural [...] feita con coñecemento e paixón, con intelixencia e entusiasmo, con razón e corazón", fronte a outras "solucións simplonas e máxicas".

Segundo o alcalde, grazas a ese proxecto "valente", durante os últimos 25 anos a vila do Lérez non só recuperou o "moito tempo que tiña de atraso", senón que adiantou a maioría das cidades: "Pontevedra avanzou nestes 25 anos máis que a maioría das cidades en 50 anos!", enxalzou. Lores asegurou que o modelo de calidade de vida, as solucións para o ciclo da agua, as zonas de baixas emisión ou a compostaxe, son solucións que se intentan copiar noutras cidades: "A todos se nos incha o peito cando dicimos que somos de Pontevedra [...] Quen o ía dicir, quen o podía pensar hai 25 anos. Polo tanto, temos moito que celebrar, moitísimo!", subliñou, entusiasmado.

Miguel Anxo F. Lores: "Baseámonos en nacionalismo e sustentabilidade; o primeiro, porque non virá de fóra remedio nin esperanza, e o segundo, por querer deixar un mundo mellor a quen vén detrás"

O alcalde fixo fincapé en que o 'modelo BNG', hoxe "de éxito demostrado", ten dúas bases sólidas: nacionalismo e sustentabilidade. Nacionalismo, dixo, por confiar nas potencialidades e capacidades propias e por buscar tamén solucións propias aos problemas propios aprendendo de todas partes, do máis avanzando do mundo, pero aplicando aquilo de "non virá de fóra remedio nin esperanza". E sustentabilidade, engadiu, por "querer deixar un mundo mellor a quen vén detrás", poñendo as persoas no centro das políticas públicas e mellorando a contorna, recuperando os valores ambientais e patrimoniais, e poñéndoos en valor para uso e goce das persoas e da biodiversidade.

"Deixamos de lado as obras e actuacións faraónicas, aforrando até o último euro e mirando polo viabilidade económica no futuro", dixo. E "tras estes 25 anos a realidade superou as mellores previsións", insistiu Lores, asegurando que o logro é un mérito colectivo, porque "sen o meu equipo, sen a miña organización e, sobre todo, sen a colaboración e implicación dos sectores máis dinámicos, das persoas que lle queren a Pontevedra e buscan un futuro mellor para Pontevedra, non tería sido posíbel avanzar a enorme velocidade que se avanzou". Para pór fin á súa intervención fixo unha chamada a seguir traballando pola cidade: "Adiante, Pontevedra!".

Foto de familia do BNG de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Foto de familia do BNG de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

"Hai Lores para dar e tomar"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou na súa intervención o seu "agradecemento e orgullo" pola "xigantesca" tarefa desenvolvida por Lores e o seu equipo ao longo destes 25 anos e que trouxo como consecuencia "unha obra transformadora que puxo a Pontevedra no mapa do mundo" e que fixo da cidade "un referente internacional de calidade de vida e benestar e, sobre todo, que mellorou a vida da xente".

Pontón tamén fixo referencia ao futuro e dixo ver ao alcalde pontevedrés e mais o seu equipo "ilusionado, con proxectos e con ideas" para facer da próxima década "a de maior avance, modernización e dinamismo da historia de Pontevedra", logo de conseguir un "cambio transformador na cidade que está á vista". "Que se preocupen na banda da dereita porque hai Lores para dar e tomar!", recalcou.

Ana Pontón: "Pontevedra pasou de ser unha cidade gris e pesimista a outra vitalista, animosa, empoderada e chea de querenza polo propio"

A líder nacionalista destacou que aínda que moitas veces se pensa que as grandes transformacións teñen a ver co cambio material, con investimentos, equipamento e servizos, na realidade, as transformacións máis profundas, "os cambios máis duradeiros", teñen a ver co inmaterial, "coas emocións e os valores", elementos que, subliñou, son cada vez máis importantes "na verdadeira política, na política con maiúsculas", aquela que ten por obxectivo mellorar a vida das persoas e que sexan protagonistas da vida da súa cidade.

Nesta liña, considerou claves dous conceptos na evolución de Pontevedra nestes 25 anos: a equidade e a autoestima. "Converter a equidade nun principio reitor da política municipal significa pór o Goberno municipal ao servizo da maioría, tomar decisións a favor de quen máis o necesita, corrixir as desigualdades sociais e económicas e garantir un dereito fundamental das persoas, o dereito á súa cidade, ao espazo público como espazo democrático por excelencia", explicou, sobre o primeiro.

En primeiro plano, Montse Prado, Luís Bará, Carme da Silva, Eva Vilaverde, Miguel Anxo F. Lores e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
En primeiro plano, Montse Prado, Luís Bará, Carme da Silva, Eva Vilaverde, Miguel Anxo F. Lores e Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

E sobre o segundo, salientou como, grazas á autoestima, Pontevedra pasou de ser unha cidade "gris e pesimista" a ser unha cidade "vitalista, animosa, empoderada e chea de querenza polo propio", un valor que considero fundamental non só para explicar a transformación destes 25 anos, senón para o futuro porque, afirmou, "unha sociedade que cre en si mesma é imparábel". "Se o que se fixo até agora foi moi importante, hai aínda moitos retos por diante, moita tarefa e moitos soños que cumprir", avanzou.

Eva Vilaverde: "Non houbo nestes 25 anos unha soa obra 'faraónica'; os experimentos fanse con gasosa, nunca cos cartos de todos"

Finalmente, a tenente de alcalde Eva Vilaverde quentou o ambiente dende o inicio arrancando os aplausos da militancia e simpatizantes ao asegurar que Lores vai seguir sendo alcalde moitos anos máis "a pesares dos augurios e prognósticos" dos últimos anos. Vilaverde fixo fincapé no "amor e confianza" en Pontevedra que levaron Lores e mais o BNG a buscar solucións "propias e axeitadas", elaboradas con "moito coñecemento" para adaptalas ás necesidades da cidade, creando un proxecto claro e definido "que lle pon un rumbo certo ao avance de Pontevedra".

Intervención da tenente de alcalde Eva Vilaverde ante un Teatro Principal cheo. (Foto: Nós Diario)
Intervención da tenente de alcalde Eva Vilaverde ante un Teatro Principal cheo. (Foto: Nós Diario)

Tamén salientou que, nun momento no que os casos de corrupción están á orde do día, o Goberno local nacionalista destaca pola súa "honradez e capacidade de xestión". "Non houbo nestes 25 anos nin unha soa obra nin actuación desas que se lles deu en chamar faraónicas. Nin unha. Mentres outros concellos montaban tranvías que despois tiñan de desmontar, montaban Gaiás e cidades da cultura que despois non hai quen os sosteña, no concello de Pontevedra con Lores nunca se estirou o pé máis do que daba a manta, xestionouse como fan os bos xestores, sexa dunha familia ou dunha empresa. Con Lores e o BNG os cartos públicos son sagrados e os experimentos fanse con gasosa, nunca cos cartos de todos", afirmou.

Vilaverde tamén confrontou o traballo de Lores e do seu equipo cos dous últimos alcaldes do PP e o actual voceiro 'popular', Rafa Domínguez, de quen dixo que non foron capaces de traballar pola cidade e que cambia de criterio constantemente, respectivamente, "por non ter proxecto, nin bo nin malo", para Pontevedra.

Comentarios