43% da poboación galega naceu após aprobarse a Constitución de 1978

A Constitución Española cumpre hoxe 45 anos. Transcorridas catro décadas e media da súa validación no referendo de 6 de decembro de 1978, o texto constitucional segue perdendo apoios segundo todas as sondaxes. 43% das persoas residentes na actualidade na Galiza naceron após a súa aprobación.

_acto_dia_constitucion
photo_camera Caballero, Valderrama e Branco conmemorando onte en Vigo o 45 aniversario da Constitución. (Foto: Europa Press).

71,1% da poboación galega de hoxe, un total de 1.913.811 homes e mulleres, non puido votar no referendo do 6 de decembro de 1978 por carecer da idade legar para emitir o sufraxio.

Malia que a última hora o Goberno presidido por Adolfo Suárez procedeu a unha reforma lexislativa urxente para non privar do dereito a voto a franxa de idade entre 18 e 21 anos, só 29,9% das persoas censadas actualmente na Galiza (776.653) cumprían cos requisitos legais para poder participar na consulta desenvolvida hai 45 anos. Precisamente, a maioría de idade estabeleceuse aos 18 anos mediante unha modificación do Código Civil acordada o 18 de novembro de 1978.

43% das persoas residentes na actualidade na Galiza (1.158.741) naceron despois do referendo constitucional de 6 de decembro de 1978. Así as cousas, unha ampla maioría do corpo electoral galego non tivo oportunidade de manifestar a súa posición sobre a Constitución de 1978, ao non ter sido consultado nunca ao respecto polos poderes públicos do Estado español. Porén, ese 71,1% do censo do país que non contaba con dereitos políticos hai 45 anos está obrigado a cumprir o disposto nunha norma que xa é a segunda máis antiga da historia do constitucionalísimo español, tras a aprobada en 1876 polas Cortes da I Restauración, baixo o impulso de Antonio Cánovas del Castillo.

A maioría da cidadanía galega non apoiou o texto constitucional. Mentres no conxunto do Estado 58,97% da poboación validou a proposta sometida a referendo, cun significativo apoio en Andalucía e nas dúas castelas, a adhesión na Galiza e Euskadi non superou o 50% do censo. O número de sufraxios afirmativos na Galiza situouse en 44,6% do total do censo, logrando na Coruña 48,9%, en Lugo 37%, en Ourense 35,3% e en Pontevedra 48,6%.

A oposición máis forte ao texto correspondeuse con aquelas áreas onde a introdución social do nacionalismo popular era máis forte, destacado o rexeitamento nalgunhas comarcas de Lugo e Ourense, onde o Bloque Nacional Popular Galego (BNPG) a través das Comisións Labregas tiña máis influencia.

Cae o apoio á Carta Magna

O apoio social á Constitución de 1978 erosionouse na última década. A este respecto, deixan poucas dúbidas as diversas sondaxes publicadas nos últimos anos, onde se certifica unha maioría da cidadanía, particularmente destacada na Catalunya, Euskadi e Galiza, a favor da reforma do texto constitucional. A rotundidade dos datos levou ao Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) a deixar de preguntar por esta cuestión en decembro do ano 2020, cando 69,3% dos galegos e galegas apostaban pola súa modificación profunda.

O último dos estudos coñecidos, da empresa 4B e publicado onte en El País, sinala que 74% das persoas residentes na Galiza defenden a reforma do texto constitucional e 52% avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado.

Comentarios