Rueda avoga por deixar que Ence "traballe e cree riqueza con toda a seguridade xurídica"

Sobre a reunión cancelada con Ursula von der Leyen, o presidente galego afirma que decorrerá "proximamente".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou esta terza feira o seu "respecto" á decisión do Concello de Pontevedra de recorrer ante o Tribunal Constitucional a sentenza do Supremo que avala a prórroga para a permanencia da fábrica de Ence nos terreos da ría en Lourizán, se ben non a comparte e avoga por deixar á empresa "seguir traballando".

"O Concello está no seu dereito de presentar os recursos que estime convenientes, pero a sentenza é bastante categórica", sinalou Rueda, nun encontro con xornalistas no decurso dun acto na cidade lerezá. "Habería que deixar que, con todos os requirimentos ambientais máis estritos, unha industria moi importante para Pontevedra e toda a Galiza poida traballar e crear riqueza con toda a seguridade xurídica", engadiu.

Neste senso, o presidente considera que é necesario "exixirlle a Ence o cumprimento estrito de todos os seus compromisos, que son moitos", e adiantou que "a Xunta vai exixilo". Rueda puntualizou que a el non lle gusta falar de empresas, "senón de familias que dependen dela", insistindo en que "é necesario un pouco de tranquilidade, de perspectiva cara adiante e seguridade".

Reunión cancelada con Von der Leyen

Por outra parte, reiterou que espera poder reunirse "proximamente" coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e asegurou que, a pesar de que aínda non está axendado un próximo encontro, desde o equipo da dirixente europea trasladouse ao Executivo galego que se lles daría "unha nova data".

Rueda tiña previsto reunirse con Von der Leyen esta segunda feira, mais a presidenta da CE cancelou o encontro. O seu equipo transmitiu que decidira anulalo a pasada sexta feira e que se informou pouco despois —sen unha nova data sobre a mesa—, mentres que desde a contorna do mandatario galego afirmaron que a cancelación fora comunicada o domingo pola mañá.

O equipo de Von der Leyen desvinculou, en todo caso, esta cancelación da súa reunión previa co líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, quen no marco da mesma realizou declaracións sobre a reforma das pensións que non foron do agrado do Executivo europeo. Esta terza feira, Rueda incidiu en que a presidenta da CE anulou na pasada xornada "toda a súa axenda pública por cuestións internas". "Fomos un dos afectados", incidiu, e, preguntado por se decorrerá ese encontro, afirmou que lles comprometeron unha nova data.

"Eu espero que sexa proximamente, non podo dicir moito máis, creo que á Galiza lle interesa ter esa reunión", destacou Rueda, quen reivindicara que sería o primeiro presidente dunha comunidade autónoma do Estado español en manter un encontro institucional coa máxima representante dunha das principais institucións da UE.

Máis en POLÍTICA
Comentarios