18-F

Ana Pontón: "O BNG representa a esperanza da xente que quere un cambio"

A líder nacionalista recoñece que o camiño "non vai ser fácil" e que "hai que traballar duro", pero certificou que "van a por todas" e "non ten límites".
A líder do BNG, Ana Pontón (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera A líder do BNG, Ana Pontón (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Ana Pontón preséntase por terceira vez como candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza nunha "posición moi forte" e como "referencia do cambio", así como cun "proxecto sólido" e "preparado para gobernar". Faino tamén tras a 'reconciliación' do nacionalismo, un acordo sobre o que agradeceu a "altura de miras de Anova": "Temos unha referencialidade que fai que o cambio estea máis preto, porque vemos como somos unha forza política capaz de unir e de multiplicar", asegurou Pontón.

"Xogámonos seguir cun goberno que nos está deixando atrás ou apostar por un futuro que representa o BNG e pór en marcha un novo proxecto de país, facendo historia coa primeira muller presidenta. Pensen que levamos 43 anos de autonomía, tivemos seis presidentes, todos homes, e eu creo que vai sendo hora de que haxa unha muller na Presidencia", salientou, nunha entrevista concedida a Europa Press, a líder nacionalista.

Ana Pontón observou que son "as eleccións máis abertas dos últimos 15 anos" e que "hai partido", e manifestou que, "como demócrata", acepta o "pluralismo" electoral (en referencia ao número de candidaturas). "E ese pluralismo electoral é a cidadanía quen decide se a representa ou non. En todo caso, estamos convencidas de que estamos nunhas eleccións abertas, nas cales é posíbel un cambio e en que os galegos van ter que elixir entre dúas opcións: ou un goberno gris ou algo novo e facer historia coa primeira presidenta deste país".

Pontón está segura do "cambio" e responde, deste modo, a se liga o seu futuro ás urnas: "Eu estou convencida de que o 18-F vai haber un cambio neste país liderado polo BNG e, en política, temos que estar sempre dispostos a aceptar o veredicto das urnas".

O papel do PSdeG

Sobre se baralla que o resultado para o cambio político non sexa suficiente se o PSdeG non incrementa os apoios actuais no Parlamento (14), Pontón contesta: "Estou a palpar nesta campaña, e tamén creo que nolo están dicindo as enquisas, que hai unha maioría que quere cambio. Se esa maioría se mobiliza, o 18 de febreiro temos un novo goberno neste país".

Pontón afirma que o BNG "representa a esperanza da xente que quere un cambio, á vez que a ve como unha forza "unida e sólida". "Fai que hoxe o BNG se expanda e que sexamos unha referencia para moitas persoas que, ao mellor, non senten nacionalistas, pero que escoitan as nosas propostas e din que ese é o país 'que eu quero'", observou.

Con todo, Pontón recoñece que o camiño "non vai ser fácil" e que "hai que traballar duro", pero certificou que "van a por todas" e "non ten límites". Preguntada sobre o que a diferenza doutros candidatos, reivindicou que ela se percorreu o país durante o últimos catro anos e tivo ocasión de reunirse cos diferentes sectores, con empresas, pequenas e medianas e con xente que traballa no mar ou a agricultura.

Comentarios