MUNICIPAIS 2015

Anova marcha e acrecenta o esfarelamento de Ourense en Común

A militancia acordou en asemblea retirar o apoio á plataforma por entender que abandonou os valores fundacionais e que “xa non é” un proxecto rupturista. É a cuarta organización que marcha de proxecto.

Ourense en común

Anova decidiu en asemblea coller a porta que antes colleran Compromiso por Galicia, Podemos e Iniciativa por Ourense e marchar de Ourense en Común, un novo abandono que deixa a plataforma cidadanista baixo mínimos.

A Irmandade Nacionalista adoptou a decisión de marchar en asemblea e co voto do 57% da militancia fronte a un 20% que optaba por se manter e un 23% que se abstivo. Deuse un debate longo, como recoñece a propia organización, e pesaron os feitos acontecidos nestas últimas semanas, a raíz da anulación das primarias. Non só marcharon de Ourense en Común as formacións antes citadas, explica Anova, senón que tamén abandonaron o proxecto “outros referentes sociais da cidade así como de numerosas persoas que tiñan colaborado desde o inicio da plataforma”.

E agora?

Anova-Irmandade Nacionalista argumenta a marcha en que en Ourense en Común “abandonaron os valores e principios fundacionais” da plataforma e que “deixou de ser o proxecto rupturista que achegue solucións á cidadanía de Ourense”.

O vindeiro día 13 de abril Anova Ourense realizará unha nova asemblea para valorar as alternativas e tomar unha decisión sobre as próximas eleccións municipais.

Comentarios