Parlamento

A aprobación dos orzamentos esta terza feira activa o reloxo electoral

O PP rexeitou as 1.300 emendas da oposición ás contas.
conselleiro miguel corgos parlamento
photo_camera Pleno do Parlamento galego.

O Parlamento galego aprobará no pleno que comezaesta terza feira os Orzamentos da Xunta da Galiza para 2024. A maioría do PP na Cámara disipa calquera posibilidade de sorpresa hoxe, algo que os populares xa deixaron claro nestas semanas durante a tramitación parlamentaria destes presupostos: non admitiron nin 1 das 1.319 emendas presentadas pola oposición ao proxecto de Orzamentos, 715 do PSdeG e 604 do BNG.

O visto e prace no Hórreo aos presupostos para o vindeiro ano vai activar a conta atrás para a convocatoria das eleccións galegas. Desbotado xa que Alfonso Rueda esgote a lexislatura —que tería o seu finiquito en xullo—, as cábalas agora son se a cita coas urnas será en febreiro ou a comezos de marzo. O propio Rueda opta polo mutismo absoluto en torno a este tema. Non quere desvelar cal vai ser a data.

Mentres, desde o BNG e o PSdeG xa dan por "rematada" a lexislatura tan pronto hoxe se aproben as contas para 2024. Nacionalistas e socialistas instan o titular da Xunta a que despexe a incógnita canto antes.

Mobilizacións

A sesión plenaria na que se van aprobar os orzamentos vai ser motivo de varias mobilizacións ás portas do Parlamento galego. No mínimo, dúas. Unha, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública quere denunciar a "falta de recursos orzamentarios" no campo da saúde. Outra, de CIG-Administración, demanda unhas contas  pola "recuperación dos dereitos dos empregados públicos". 

Por outra parte, o BNG vai propor neste pleno a reforma da lei electoral para facer obrigatorios dous debates en horario de máxima audiencia nas campañas. A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tamén defendeu esta segunda feira que esta reforma contempla a ampliación do dereito a voto ás persoas maiores de 16 anos, como xa sucede en países como Austria ou Escocia e en varios landers alemáns. “Trátase de adaptar a lexislación á evolución dos tempos, ao pluralismo político e, mellorar a calidade democrática", dixo.

Máis en POLÍTICA
Comentarios