Arregui, o home de Ence na foto da investidura de Feixoo

Hai imaxes que son toda unha declaración de intencións e recollen nitidamente un programa político. Unha desas é o abrazo de Sánchez Galán -presidente de Iberdrola- e Núñez Feixoo na toma de posesión deste último como presidente da Xunta da Galiza en 2009. Precisamente, o terceiro home da foto, o que acompaña Galán e para o que mira o anterior mandatario galego é Juan Luis Arregui.

Alberto Núñez Feixoo abrazándose ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, no acto de toma de posesión como mandatario galego en 2009. (Foto: Nós Diario) #feixoo #iberdrola #eólica #enerxía #parqueeólico #xunta #consellodeadministración
photo_camera Arregui, primeiro pola dereita, con lentes, mira o abrazo de Feixoo e Galán na investidura de 2009. (Foto: Nós Diario)

Juan Luis Arregui, primeiro accionista de Ence con perto de 30% do seu capital e naquela altura presidente da compañía e Ignacio Sánchez Galán, máximo responsábel de Iberdrola, foron dúas das grandes estrelas da constelación empresarial española presente na primeira toma de posesión de Alberto Núñez Feixoo como mandatario galego. Un e outro, sempre xuntos, deixáronse ver na praza do Obradoiro, cruzaron abrazos co presidente da Xunta da Galiza e mesmo departiron con este e o seu pai, como recollen  fotografías publicadas na prensa galega.

Arregui e Galán son "parella de feito" en negocios e amigos no persoal desde hai moitos anos. Un e outro partillaron responsabilidades directivas en Iberdola, compañía da que Arregui foi conselleiro durante 17 anos, vicepresidente durante sete e onde continúa como primeiro accionista particular. Neste sentido, actuou como un dos apoios máis firmes de Sánchez Galán, renunciando ás súas responsabilidades na eléctrica no marco dunha operación deseñada polo presidente da enerxética para paralizar a tentativa de Florentino Pérez de gañar peso na dirección da compañía.

O presidente de Iberdrola procede dun mundo diferente ao do primeiro accionista de Ence. Porén, a súa amizade é a proba de lume. Tanto e así que Sánchez Galán mercou a súa primeira finca de caza con perto de 1.000 hectáreas en Fuenterroble (Salamanca), ao carón do predio de Arregui, onde foi habitual durante moitos anos a presenza do rei emérito, Juan Carlos de Borbón. Mais a proba do algodón desta relación é a venda a prezo de saldo por parte de Iberdrola a Ence da central termosolar de 50 megawatts de Puertollano (Castela-A Mancha), operación cualificada desde o sector como un agasallo.

Feixoo e Arregui coñécense desde os tempos en que o primeiro defendía a saída de Ence da ría de Pontevedra e o segundo apostaba por un novo emprazamento para a pasteira. Neste sentido, o actual líder do Partido Popular español accedeu á Presidencia da Xunta da Galiza no seu primeiro mandato recollendo no programa electoral “o traslado de Ence en Pontevedra” co obxectivo de “recuperar para o desfrute dos cidadáns e para a súa recuperación ambiental a fachada marítima de Pontevedra”.

O mundo de Iberdrola

A alternativa programática do PP foi defendida na primeira lexislatura de Feixoo por todo o seu Goberno.

Sen ir máis lonxe, en 2012 o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do PP, Agustín Hernández, indicaba que “a concesión de Ence remata en 2018 e ese é un feito incuestionábel para o Goberno da Xunta e tamén para a Administración central”.

Porén, algo mudou desde aquela e o mundo económico ligado a Iberdrola achega moitas chaves para explicar o acontecido. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios