18-F | BARÓMETRO PARA NÓS DIARIO

Avance do barómetro de EM-Analytics (6 de febreiro): o PP sitúase a décimas de perder a maioría absoluta

O Partido Popular perdería sete décimas nun só día, mentres a suma de votos de BNG e PSdeG superaría os logrados por Rueda. Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta terza feira, 6 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.
Evolución do 'tracking' electoral elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario'. Enquisa realizada por EM-Analytics, impídese a súa difusión sen autorización.
photo_camera Evolución do 'tracking' electoral elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario'. Enquisa realizada por EM-Analytics, impídese a súa difusión sen autorización.

A maioría absoluta do Partido Popular está no aire. A oitava entrega do barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics que publica esta terza, 6 de febreiro, Nós Diario sitúa o PP en 45,1%, logo de perder sete décimas en intención de voto na última xornada. .

Nesta dirección, os populares continúan nunha tendencia descendente que avanzan outras sondaxes. A suma de votos de nacionalistas e socialistas supera a formación de Alfonso Rueda en nove décimas.

O BNG continúa a súa tendencia á alza e marca unha porcentaxe de voto de 28,4%. A organización liderada por Ana Pontón é a que máis medra en relación aos comicios de 2020, incrementando en 4,7 puntos a súa intención de voto.

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) baixa até o 17,6% dos votos no conxunto do país, porcentaxe invariábel. A formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro mantense desde o inicio do tracking nesta mesma dirección, sen demasiadas variacións.

Democracia Ourensá rexistra nesta oitava entrega do barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics unha porcentaxe de 0,8%, a cal lle outorgaría unha acta no Parlamento galego. Ao igual que Sumar, con 4,1% dos sufraxios. Ficarían fóra da Cámara Vox con 2,5% e Podemos con 1,0%.

Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta terza feira, 6 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

Ficha técnica

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 e 2 de xaneiro. Mostra engadida: 4 e 5 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios