Besteiro non contempla ser vicepresidente nun Goberno liderado por Pontón

O candidato do PSOE deixará a súa acta no Congreso español cando sexa presidente: é incompatíbel

O candidato do PSOE á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, este domingo en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O candidato do PSOE á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, este domingo en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), deixará a súa acta no Congreso español tras as eleccións galegas do próximo 18 de febreiro e avisa de que "pode haber cambios" nas candidaturas do PSdeG, que nestes momentos se atopan en plena fase orgánica de elaboración nas asembleas locais e nas executivas provinciais.

Nunha entrevista concedida á axencia Europa Press, o dirixente socialista subliña que deixará a súa acta na Cámara baixa española para ser deputado no Parlamento galego e "presidente" na Xunta tras pechar cuestións "pendentes" relativas a "investimentos para a Galiza". "Eu teño un traballo e terei outro a partir do 18 de febreiro porque, ademais, como todo o mundo sabe, é incompatíbel ser deputado no Congreso con ser presidente da Xunta", subliña.

Xa iniciado o 2024 e a falta de pouco máis de mes e medio para a cita electoral, Besteiro manifesta afrontar con "moito optimismo" e con "moitísima ambición" a carreira cara ás urnas, para a que asegura que o Partido Socialista está "absolutamente unido", "esperando un bo resultado".

Neste sentido, vese capaz de volver situar o PSdeG como a forza líder da esquerda galega a pesar das enquisas. "As últimas tivémolas o 23 de xullo e xa ve como acertaron", argumenta o político, que apela á mobilización progresista para lograr o cambio na Galiza. "Creo que imos mobilizar moita xente e que esa mobilización vai producir o cambio".

Neste punto, preguntado sobre se consideraría un fracaso que o PSdeG repetise como terceira forza, asegura que esa hipótese "non pasa" pola súa "cabeza", polo que tampouco "contempla" un escenario no que puidese ser vicepresidente dun goberno liderado pola candidata do BNG, Ana Pontón.

Listas socialistas

Para esta cita coas urnas, o PSdeG afronta estes días o proceso orgánico para configurar as listas, que arrincou esta semana coas asembleas locais e culminará coa reunión do Comité Nacional e a comisión federal de listas. Arredor do feito de que o PSOE de Vigo propuxese o ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero para figurar na lista pola provincia, Besteiro asegurou que el, como "fillo de primarias", respecta este procedemento e rexeita que se trate dun pulso contra el. "Estamos no momento no que xorden as peticións, ideas e nomes desde as agrupacións locais e eu non vou interromper para nada todo ese proceso", apunta.

O aspirante socialista á Presidencia da Xunta lembra que agora serán trasladadas ás direccións provinciais, que "farán unha proposta de candidatura" que "será examinada" por el, "como candidato". Neste punto, preguntado especificamente sobre se introducirá cambios asegura que "si". "Eu creo que si, que pode haber cambios", indica para subliñar que o PSdeG está a iniciar "un novo ciclo" e que destas listas socialistas sairá "unha boa parte do novo Goberno da Galiza".

Ademais, sobre se nomes como o do ex reitor da Universidade da Coruña Julio Abalde será un dos que figurará, recoñece que é un "nome que encaixa ben", pero insiste en que non quere "interferir" no proceso.

Un "feo" a Rueda

Besteiro reprocha ao líder do Partido Popular español, Alberto Núñez Feixoo, que confirmou que participará cunha caravana propia na campaña galega, que trate de converter os comicios do 18-F nun "plebiscito contra Sánchez". "Que deixe iso xa, que Sánchez vai ser o presidente durante o próximos catro anos. Nada o vai a apartar do seu obxectivo e desta responsabilidade", sostivo o político, que se mostrou convencido de que o que consegue Feixoo con esta actitude é facer un "feo" ao seu candidato.

Fronte a un ex presidente da Xunta que "tentará con pouco éxito" centrar o debate das galegas na política estatal, mantén que o PSdeG fará "unha campaña moi galega" á que destaca que se incorporarán socialistas do "resto de territorios" e o propio presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a quen recibirá "cos brazos abertos", tendo en conta que son "moitas cousas" as que "resolven en común" en beneficio da Galiza.

Comentarios