O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado polo voceiro municipal da organización frontista, Rubén Cela, exixiu esta segunda feira ás portas do Pazo de Raxoi, a demisión da equipa de goberno municipal. Após erguerse o secreto de sumario, sinalou Vence, o concello da capital galega converteuse nun dos seus "puntos neurálxicos" da Pokemon, con 11 d@s 13 concelleir@s imputad@s por corrupción.
Para o Bloque, a investigación xudicial desenvolvida --que atinxe tamén os gobernos de Lugo, Ourense e A Coruña-- dá conta dunha "forma de gobernar absolutamente indigna" que atribuíu "aos partidos sistémicos" (PP-PSOE) e que serve, recalcou o nacionalista, para entender "a paixón privatizadora do PP".
Vence advirte que os casos de corrupción explican "a paixón privatizadora do PP"
"Vemos que a través das privatizacións se crean esas redes de colocación dos amigos e familiares do PP" con "métodos espúreos e vías ilegais a beneficio propio", espetou o líder do BNG. Un proceder, denunciou, que "convrte esta democracia nunha democracia de terceira categoría" dirixidas a "entregar os intereses da cidadanía ás empresas privadas" para que estas, acrecentou, usen "en beneficio propio os servizos públicos".
Desde a fronte nacionalista o portavoz nacional do BNG reclamou a demición de "todos os encausados no sumario" a comezar, dixo, polo "alcalde de Santiago, o tenente alcalde da cidade da Coruña e o alcalde de Lugo", pola súa imputación por presuntos delitos de corrupción na concesión de servizos públicos á empresa Vendex.
Porén, Vence apuntou directamente á responsabilidade do presidente da Xunta de Galiza --líder tamén do PPdeG-- a quen demandou que exixa "aos seus responsábeis políticos" imputad@s que saían das equipas de goberno pois, recalcou Vence, "isto destroza a democracia". O presidente, acrecentou, "ten moito que dicir" ao respeito do que está a acontecer pois son os responsábeis "do seu partido político" á fronte das principais cidades do país, os que están encausados.
Que a cidadanía se rebele para "recuperar a democracia"
Aliás, o voceiro nacional do Bloque animou á cidadanía a "rebelarse todos os días" e a pular por "recuperar a democracia, "o poder das institucións" e "a transparencia do público" para pór, dixo, "os recursos públicos ao servizo da calidade dos servizos que todos merecemos" e non, acrecentou, "ao servizo das empresas, dos cazadores de rendas e de toda a trama corrupta que reflicte este expediente".
As demandas d@s nacionalistas foron para alén da capital galega e tamén marcaron o pleno que esta segunda feira tivo lugar en María Pita. O grupo municipal do Bloque defendeu unha moción en que exixía a demisión d@s imputad@s na Pokemon con responsabilidades de goberno no concello da Coruña. Embora debaterse a moción, os votos maioritarios do Partido Popular tombaron a proposta.
Pola súa banda, o rexedor lugués, José López Orozco declinou, tamén, presentar a súa demisión porque, dixo, "teño a fortaleza da miña inocencia" ao asegurar que "nunca aceptei nen me ofreceron ningún suborno".
"Non todos somos iguais"
O portavoz nacional do BNG puxo en valor a labor d@s responsábeis polític@s do Bloque e rachar coa idea difundida, sinalou, "pola dereita" de que "todos somos iguais". Iso, recalcou Vence, "é mentira". O líder frontista asegurou que as corporacións municipais en mans do BNG "non están manchados por esas prácticas corruptas", asemade reivindicou " a honestidade" d@s responsábeis polític@s que están, indicou, "para defender proxectos colectivos, un funcionamento digno das institucións democráticas, para conseguir que a cidadanía poida gozar de servizos de calidade".