O BNG demanda a condonación: "Se a Rueda non lle interesa a quita da débeda a Galiza, aos galegos e galegas si"

O deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, sinalou que o Goberno do Estado “ten a responsabilidade de facelo posíbel e cumprir o pactado no Acordo de Investidura co BNG: mesmo status para a Galiza que Euskal Herria e Catalunya e a quita da débeda”.
O deputado do BNG Néstor Rego, esta cuarta feira no Congreso español (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG Néstor Rego, esta cuarta feira no Congreso español (Foto: Nós Diario).

A comparecencia no Congreso da vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, foi aproveitada polo BNG para demandar, “fronte ao servilismo e submisión do presidente da Xunta da Galiza aos intereses do Partido Popular, soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza a capacidade normativa e de recadación”.

O deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, sinalou que o Goberno do Estado “ten a responsabilidade de facelo posíbel e cumprir o pactado no Acordo de Investidura co BNG: mesmo status para a Galiza que Euskal Herria e Catalunya e a quita da débeda”.

“Ao BNG si lle interesa mellorar a calidade de vida e o benestar das galegas e galegos. Por iso reclamamos soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza capacidade de normativa e de recadación” reivindicou o deputado do BNG no Congreso durante a comparecencia da Ministra de Facenda. De feito, a pasada semana, na sesión de control ao Goberno, Rego lembrou esta cuestión á vicepresidenta e sinalou que agora “é o Goberno do Estado quen ten a responsabilidade”.

Se aceptan un financiamento singular para Catalunya, reclamou Rego, “o Goberno do Estado debe aceptalo para un país como Galiza con características singulares que pode e debe responsabilizarse de si propio e dos recursos que xera”.

“Galiza, que ten a consideración constitucional de nacionalidade histórica, con Euskadi e Catalunya, non quere nin pode seguir perdendo oportunidades. Ese modelo xa o ten Euskal Herria, terao Catalunya e pode e debe telo tamén Galiza”, afirmou Néstor Rego.

Sobre a quita da débeda, o deputado lembrou que o BNG incorporou ao acordo de investidura “que ao noso país se lle reduciría a débeda ou se compensaría no caso da estabelecida cos bancos, en porcentaxe análoga a outras comunidades”.

“Se callar por iso non lle interesa ao PP, para non recoñecer o papel do BNG e porque lle desmontaría a campaña sobre Catalunya. É realmente escandaloso. Se a Rueda non lle interesa, aos galegos e galegas evidentemente si” subliñou.

“Rueda: delegado servil e submiso aos intereses de Xénova”

“O presidente do Goberno galego está disposto a perder recursos esenciais para a Administración galega sendo un delegado servil, un bo colonizado, submiso sempre ao que manden en Madrid, mesmo que iso prexudique todos os galegos e galegas, o que o converte nun presidente antigalego, como xa deixou claro historicamente atacando a nosa lingua” criticou o deputado do BNG no Congreso após o rexeitamento de Rueda para negociar de forma bilateral un sistema de financiamento xusto para Galiza e a quita da débeda.

Un Partido Popular, o galego, que se embarca na campaña deseñada en Xénova contra o que eles mesmos chaman “secesionismo fiscal” sendo, cualificou Néstor Rego, un “comportamento irresponsábel” xa que “non lle preocupa que Galiza perda centenas ou millares de millóns de euros que permitirían mellorar os servizos públicos ou soster políticas públicas esenciais, por exemplo en vivenda ou emprego”.

E esta submisión, sinalou o deputado nacionalista, “está protagonizada polo partido que triplicou a débeda pública galega, situándoa por riba de 12.000 millóns de euros e recorrendo á banca privada en vez de ao fondo de liquidez autónmico”.

Campaña do PP sobre o “secesionismo fiscal”

“Rueda, ademais, renuncia a bilateralidade co Estado para demandar un novo modelo de financiamento para Galiza”, sinalou Rego. “Se callar porque isto deitaría por terra a súa campaña demagóxica de que o financiamento singular de Catalunya prexudicaría Galiza. Comezou dicindo que perderíamos 444 millóns de euros, agora xa serían 628 millóns, sen que expliquen como nin por que”, subliñou.

“Por moito que Rueda e o Partido Popular se empeñen, a realidade é ben diferente. Non é Catalunya quen nos rouba, é Madrid, entendido como metonimia de España”, aseverou o deputado do BNG. Para desmontar a campaña do PP sobre o “secesionismo fiscal”, Néstor Rego salientou datos do espolio que se está a producir.

“Se tomarmos a liquidación de 2022 resulta que a diferenza entre o que os galegos e galegas pagamos en impostos e o que o Estado nos devolve sitúase en 5.344 millóns de euros. A conclusión  do economista Xosé Díaz é que desde 2009 o Estado succionou a Galiza case 60 000 millóns de euros”, concluíu.

Comentarios