O BNG denuncia a presión do “lobbie marroquí” na Eurocámara en detrimento dos dereitos saharauís

Ana Miranda e Montse Prado representan ao Intergrupo do Parlamento Europeo e ao BNG no XVI Congreso do Frente Polisario.

A eurodeputada do BNG, no centro, durante a súa participación no XVI Congreso da Fronte Polisario (Foto: Nós Diario).
photo_camera A eurodeputada do BNG, no centro, durante a súa participación no XVI Congreso da Fronte Polisario (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG e vicepresidenta do Intergrupo do Sáhara Occidental da Eurocámara, Ana Miranda, así como a deputada nacionalista no Parlamento galego, Montse Prado, están a participar no XVI Congreso da Fronte Polisario que ten lugar na “Wilaya de Dajla", o campamento de refuxiados saharauís en Alxeria.

“É fundamental a nosa presencia neste congreso histórico, xa que se trata dun evento de grande importancia para a causa saharauí por ser o primeiro que decorre desde 2019 e desde a volta á guerra nun contexto internacional e de reconfiguración xeopolítica”, explicou Miranda, quen interveu na sexta feira na apertura do Congreso da Polisario amosando o apoio á loita e resistencia do Pobo do Sáhara Occidental.

Pola súa parte, a deputada Montse Prado, membro da Executiva Nacional do Bloque e integrante do Intergrupo do Sáhara Occidental no Parlamento Galego, mostrou "o total respaldo do BNG ao Pobo Saharauí, a loita polos dereitos humanos e pola independencia do Sáhara Occidental".

“Existen varios temas de actualidade no desenvolvemento da política internacional, como son a presión exercida na Eurocámara en contra do Pobo Saharauí, que agora sae á luz a raíz do Qatargate e que xa se coñece como Moroccogate”, sinalou Miranda, quen subliñou que "aínda que este caso de corrupción foi feito público agora", o BNG na Eurocámara "leva tempo denunciando a presión marroquí cando constantemente se boicoteaban resolucións no Parlamento Europeo de apoio ao Pobo Saharauí".

“Temos que denunciar que o lobbie marroquí foi sempre moi incisivo e contou co consentimento da Unión Europea (UE)”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen explicou que esa presión tamén é feita “nas sucesivas e terríbeis denuncias sobre as persoas defensoras dos dereitos humanos”.

Neste sentido, lembrou os casos de Aminatu Haidar, -que en 2005 foi encarcerada e torturada polo réxime marroquí- e de Sultana Khaya -que en 2021 foi encerrada por Marrocos na súa casa durante máis de 100 días- así como "os prisioneiros políticos saharauís e a opresión que Marrocos exerce na poboación dos territorios ocupados".

Soberanía e autodeterminación

A eurodeputada do BNG considerou "fundamental" a defensa da soberanía do Sáhara Occidental e do seu dereito a autodeterminación así como a recuperación do control sobre os seus propios recursos naturais. 

”Os recursos naturais, enerxéticos, agrarios e pesqueiros do Pobo Saharauí foron e seguen sendo espoliados e esquilmados pola ocupación ilegal de Marrocos coa conivencia das potencias da UE”, denunciou a eurodeputada nacionalista, quen defendeu o dereito dos saharauís a xestionar estes recursos.

Desta forma, Miranda lembrou que a Corte de Xustiza da UE emitiu o ano pasado unha sentenza histórica que declaraba ilegais os acordos comerciais e de pesca da UE con Marrocos porque non contan co apoio e consentimento do Pobo Saharauí, representado polo seu lexítimo representante político, a Frente Polisario.

“Esperamos e desexamos que a inminente sentenza definitiva por parte do Tribunal de Xustiza da UE sexa favorábel ao Pobo Saharauí”, salientou, ao tempo que denunciou o “inaceptábel cambio de postura do Goberno español, aceptando as presións da ditadura marroquí”.

Comentarios