O BNG propón a creación dunha empresa pública de enerxía que acabe coa "anomalía" de que Galiza careza dunha

Trátase de escoller, dixo Pontón, entre que os beneficios da xeración de enerxía en territorio galego estea "en mans" de compañías como Endesa ou Iberdrola ou sirvan para que redunden na sociedade.
Encontro do BNG no Parlamento para abordar a creación dunha empresa pública de enerxía. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro do BNG no Parlamento para abordar a creación dunha empresa pública de enerxía. (Foto: Europa Press)

O BNG proporá no próximo pleno do Parlamento galego a creación dunha empresa de enerxía "100% pública" que rompa coa "anomalía" de que Galiza careza dunha compañía deste tipo, coa que as nacionalistas queren pór "ao servizo" da sociedade os beneficios que xera a produción e comercialización eléctrica.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou en rolda de prensa esta cuarta feira a iniciativa tras manter un encontro con representantes do ámbito académico e empresarial que asesoraron a formación para elaborar a proposta que será debatida a vindeira terza feira na Cámara, onde espera que o PP, "por unha vez", vote "pensando no interese dos galegos e non ao servizo do lobby eléctrico".

Pontón puxo o acento en que se trata de escoller entre que os beneficios da xeración de enerxía en territorio galego estea "en mans" de compañías como Endesa ou Iberdrola ou sirvan para que redunden na sociedade a través de baixadas de tarifas para particulares e empresas ou o impulso a proxectos "estratéxicos".

Segundo a dirixente nacionalista, o obxectivo é situar Galiza "na vangarda" como territorio que posúe "o petróleo do século XXI" co seu potencial en enerxías renovábeis, que lle outorga a capacidade de ocupar unha posición de "liderado" a través dun modelo que debe apostar pola protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático "póndose ao servizo da maioría e non das multinacionais".

Pontón defendeu que o BNG "non inventa nada" coa súa proposta, xa que hai "moitas" comunidades e países que teñen empresas públicas deste tipo, coa que se ofrece á cidadanía e o tecido produtivo unha ferramenta de produción e distribución de enerxía. A proposta do Bloque radica, explicou, en catro piares: o impulso a un modelo galego de produción, a ordenación, a sustentabilidade e a xustiza enerxética.

Todo para rematar co modelo de "barra libre" do PP para as compañías enerxéticas e reforzar os mecanismos de "ordenación e planificación" que, desde o principio da sustentabilidade, sexa "respectuoso" co medio ambiente e outras "actividades estratéxica" para o territorio e a xente que vive no ámbito rural.

Centrais hidroeléctricas

Unha das propostas destacadas por Pontón é que contar cunha empresa pública permitiría asumir a xestión das centrais hidroeléctricas cando venzan os períodos de concesión de explotación. Tamén resaltou a capacidade para "promover novos" combustíbeis e servir de vector de apoio á innovación e a creación de patentes no ámbito enerxético.

Comentarios