O BNG insta o Goberno español a mellorar a conexión ferroviaria con Lugo

Néstor Rego rexistrou no Congreso español preguntas dirixidas ao Goberno estatal urxindo o Ministerio de Transportes a axilizar a licitación da variante entre Ordes e Curtis que permitiría conectar Lugo e Compostela por tren.
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto: Nós Diario)

No marco do Acordo da Investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español, e retomando a campaña "Lugo Quere Tren", o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Executivo estatal a impulsar a conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela. 

E é que no acordo asinado co BNG en 2023 contémplase que neste ano 2024 realizarase un estudo dunha variante entre Curtis (As Mariñas) e Ordes (comarca homónima) que facilitaría a conexión entre a cidade amurallada e a capital galega, coa construción dun tramo de 27 km de vía. "O déficit histórico que a Galiza acumula en infraestruturas ferroviarias é aínda maior no caso de Lugo, que ficou fóra do mapa de modernización do ferrocarril", afirma o BNG.

Por este motivo, e a través dunha pregunta dirixida ao Goberno español, Rego insta o Ministerio de Transportes a aclarar "en que estado está a licitación do estudo de viabilidade da mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela", así como cales son os prazos temporais que manexa para a aprobación, se aumentarán as frecuencias e servizos ferroviarios entre Lugo e A Coruña e que outras actuacións ten previstas o Goberno para a mellora e modernización dos servizos ferroviarios de Lugo.

Supresión do Intercity

Na mesma liña, a formación nacionalista exixiu Transportes rectificar a decisión de suprimir o tren Intercity que saía ás 8.45 horas de Lugo e que permitía conectar en Ourense co AVE das 11.12 horas. A intención era "substituír os trens Intercity por un servizo de Alvia", mais segundo denuncia o BNG, "a substitución prometida" semella que non se materializará. 

Por este motivo, Rego instou o departamento que dirixe Óscar Puente a repor os trens eliminados así como os servizos e frecuencias existentes antes da pandemia da Covid-19. 

Comentarios