O BNG pedirá no Parlamento galego "rescatar" a AP-9 e reprobar os Gobernos de González e Aznar

O BNG rexistrou iniciativas no Parlamento da Galiza e no Congreso para solicitar non só o "rescate" da concesión da AP-9, actualmente en mans de Audasa, senón tamén "que se reprobe" a decisión dos Gobernos do socialista Felipe González e do popular José María Aznar de prorrogar a concesión nos anos 1994 e 2000, respectivamente.

Ana Pontón e Luís Bará, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Luís Bará, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

Así o avanzou na sexta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen compareceu xunto ao deputado autonómico Luís Bará nunha rolda de prensa na que insistiu na "ilegalidade" de ambas as extensións.

A semana pasada a Comisión Europea decidiu emprender accións legais por considerar que a prórroga acordada polo Executivo de Aznar até 2048 podía vulnerar o dereito comunitario. No entanto, o Bloque insiste en que hai que anular ambas as ampliacións e "rescatar a AP-9" para que quede "libre de peaxes".

Este paso adiante das institucións europeas, a xuízo de Pontón, abre unha "porta clarísima" á supresión da concesión, unha dirección cara á que "a Xunta e o Goberno español deben camiñar xuntos". "É unha cuestión chave de país para frear o agravio que significou a AP-9 para a Galiza", agregou.

A portavoz nacional do BNG insistiu en que a Autoestrada do Atlántico está xa "requeteamortizada" despois de anos de "beneficios multimillonarios" percibidos por Audasa. En total, cifrou en 1.091 millóns de euros o montante pagado "en peaxes ilegais".

Ademais, Ana Pontón lembrou que as infraestruturas construídas "na mesma época" xa non teñen peaxes "ou están a piques de deixar de telas", polo que a gratuidade e o rescate da AP-9 "non só é xusto, senón que é posíbel".

"Débese unha desculpa aos galegos por unhas peaxes que non só eran unha discriminación, senón que tamén constituían unha ilegalidade", sentenciou a líder nacionalista.

As iniciativas rexistradas polo BNG no Parlamento galego súmanse ás xa avanzadas a pasada sexta feira polo deputado no Congreso, Néstor Rego, quen levará esta cuestión ás Cortes Xerais.

Estafa permanente

Pola súa banda, o deputado Luís Bará insistiu no "agravio" e "estafa permanente" que supón a concesión e o cobro polo uso da autoestrada, unha historia que comezou coa primeira ampliación en 1994 e continuou coa segunda do ano 2000.

A isto engadiu a "privatización" de Aznar no 2003, cando -lembrou- Alberto Núñez Feixoo era o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Política Territorial, máis os "agasallos fiscais" concedidos durante a etapa deste mesmo presidente do Goberno e posteriores convenios que deron pé a "incrementos abusivos" das peaxes.

"Todo isto o que pon de manifesto é que hai unha grande operación de Estado dun auténtico cambalache no que participan os grandes poderes do Estado cos dous grandes partidos do Estado para favorecer o enriquecemento da concesionaria a conta dos intereses do noso país", denunciou Bará.

O deputado nacionalista acusou a Feixoo de ser "cómplice" e de ter "absoluta conivencia" en toda esta historia, tendo en conta que "non denunciou a situación ilegal" da autoestrada a pesar de contar cun informe do Consello Consultivo -solicitado pola propia Xunta e emitido en 2020- que declaraba nulas de pleno dereito as subidas das peaxes.

"O único cambio da historia deste agravio tivo que ver coa intervención do BNG, pondo enriba da mesa a transferencia (da titularidade) e conseguindo unha rebaixa histórica", reivindicou Bará.

Comentarios