18-F

Comeza a conta atrás: así é o calendario electoral

A campaña electoral comezará o 2 de febreiro. O prazo para rexistrar coalicións remata en plenas festas, o 5 de xaneiro.
Calendario electoral 2024. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Calendario electoral 2024. (Infografía: Nós Diario)

As coalicións electorais que queiran presentarse ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro terán de prazo até o 5 de xaneiro para rexistrarse, e a campaña electoral comezará o 2 de febreiro á medianoite. A publicación da convocatoria oficial das eleccións está prevista para a vindeira terza feira, 26 de decembro no Diario Oficial da Galiza (DOG), tal e como anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, día en que tamén queda disolta a Cámara galega e entran en funcionamento os órganos entre períodos.

Así arrinca o reloxo electoral, de maneira que hai dez días para o rexistro de coalicións, é dicir, o 5 de xaneiro é a data límite para comunicar pactos de coalición ante a Xunta Electoral Central, segundo dita a Lei orgánica de réxime electoral xeral.

O 10 de xaneiro comeza o prazo para presentar candidaturas, o cal conclúe o 15 de xaneiro. O DOG e os boletíns oficiais provinciais publicarán as candidaturas o 17 de xaneiro e quedarán proclamadas o 22. Xa o 2 de febreiro comezará oficialmente a campaña electoral que desembocará na cita coas urnas o 18 de febreiro. O día anterior será a xornada de reflexión.

Comentarios