Xustiza

O Constitucional tomba o intento da Xunta de limitar a capacidade de actuación fronte a obras ilegais na costa

O artigo da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2022 que reducía a 15 anos o prazo para as administracións actuaren é declarado inconstitucional.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano após a reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano após a reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)

Limitar a 15 anos o prazo do que dispoñen as administracións públicas para actuar contra as obras ilegais acometidas no litoral é inconstitucional. Así vén de determinar, nunha resolución difundida esta cuarta feira, o Tribunal Constitucional, que tomba desta forma os artigos da Lei de acompañamento aos orzamentos de 2022 que se referían a esta cuestión, estimando, por tanto, o recurso promovido polo Goberno español.

En concreto, o artigo 10.1 da citada lei reducía a 15 anos o prazo da Administración para obrigar a restituír ao seu estado anterior obras e actuacións declaradas ilegais na zona de servidume de protección de costas. Desde San Caetano alegaban daquela que o obxectivo era "reforzar a seguridade xurídica", se ben agora o TC aclara que esta actuación da Administración non está suxeita a prazo ningún na Lei de costas, polo que considera o precepto inconstitucional. Antes que Moncloa, en xuño do pasado ano, o Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra tamén solicitara ao Constitucional que aclarase se a Xunta invadira competencias estatais coa limitación a 15 anos do prazo de actuación.

O Constitucional tamén anulou o artigo 11 da lei por "reproducir contido da Lei de costas sen cumprir cos requisitos exixidos para iso pola doutrina constitucional", pois "non tiña como finalidade facilitar a comprensión da lexislación galega" e, ademais, "introducía alteracións a respecto do contido da lei estatal". Ademais, anulou os artigos 10.2 e 10.3 e mais a disposición transitoria primeira polos mesmos motivos xa descritos. 

Xa en outubro pasado o TC deixara todos estes artigos en suspenso ao admitir o recurso de Moncloa e mentres non se pronunciaba sobre o mesmo. Unha resolución que chega esta cuarta feira e que contou cun voto particular do maxistrado Enrique Arnaldo Alcubilla.

Esta nova decisión xudicial chega un ano despois de que o mesmo tribunal avalase, por unanimidade, a Lei do litoral da Galiza, rexeitando desta forma o recurso interposto polo Goberno español contra diferentes preceptos.

Comentarios