Da lavadora á política: o cantante d'O Caimán do Río Tea ficha polo PP de Ponteareas

Rafa Martínez será o número dous da candidatura que encabeza Nava Castro.
Nava Castro e Rafa Martínez. (Foto: PP)
photo_camera Nava Castro e Rafa Martínez. (Foto: PP)

"Hai moito tempo que estou metido aquí e empezo xa a estar farto porque non podo saír. Hai moito tempo que estou aquí metido e empezo xa a estar farto porque estou moi aburrido". Así comeza Estou na lavadora, unha das obras mestras que puxeron a banda sonora ás merendas de toda unha xeración de galegos e galegas que medraron xunto ao Xabarín Club. Agora, máis de dúas décadas despois, Rafa Martínez, quen daba voz a ese mítico tema d'O Caimán do Río Tea, semella que á fin logrou saír da lavadora... para entrar na política municipal.

Martínez é a fichaxe estrela do PP de Ponteareas de cara ás eleccións de maio e será o número dous da candidata popular e actual directora de Turismo da Galiza, Nava Castro, que celebra esta incorporación e asegura estar a reunir "un grande equipo para facer algo grande nos vindeiros anos".

Para o cantante d'O Caimán do Río Tea, unirse á candidatura conservadora é "un reto, a oportunidade de aportar e axudar". "Nava inspírame confianza e transmite ilusión, ela ten experiencia na xestión pública e eu na empresa. Facemos un bo equipo", afirmou Martínez tras oficializarse a súa fichaxe.

Nava Castro xa fora concelleira de Ponteareas entre 1999 e 2000, logo de que o seu pai, o ex alcalde José Castro —que fora procurador nas Cortes franquistas e que mantivo o busto do ditador Francisco Franco no municipio até que foi retirado en 2003—, fose expulsado do PP ao ser condenado por falsidade documental e creara o seu propio partido, a UCP.

Castro foi alcaldesa de Ponteareas entre 2000 e 2003

Foi nomeada alcaldesa no ano 2000, cando o pai quedou inhabilitado pola Xustiza, e ficou no cargo até 2003. Tras os comicios dese ano ocupouse como edil da área de Servizos Sociais e da tenencia de Alcaldía.

Tamén fora previamente deputada no Parlamento da Galiza e, con posterioridade ao mandato municipal, deputada no Congreso. Leva unha década como directora de Turismo da Xunta.

A dereita perdeu o poder en Ponteareas en 2015, cando o BNG, da man do xa falecido Xosé Represas, recalou na Alcaldía. A actual rexedora é a nacionalista Cristina Fernández, que será tamén a candidata da súa formación en maio.

Comentarios