18-F

Pontón presenta os 10 compromisos de Goberno do BNG para "impulsar a maior transformación da Galiza en 40 anos"

O reforzo dos servizos públicos, o impulso económico e de emprego ou a aposta polo autogoberno e o benestar, entre as responsabilidades presentadas pola candidata nacionalista esta cuarta feira.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta cuarta feira, en Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esta cuarta feira, en Santiago. (Foto: Nós Diario)

A praza do Obradoiro de Compostela foi o escenario elixido polo BNG para que a súa portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza o 18-F, Ana Pontón, presentase os ’10 compromisos de Goberno’ da formación.

Dez compromisos que “comprometemos coa cidadanía para abrir unha nova etapa e para pór en marcha unha Galiza en grande” no marco dun “proxecto colectivo de modernización e transformación que incremente o benestar e a igualdade” dos galegos e galegas.

Servizos públicos, vivenda, emprego, emerxencia climática ou autogoberno son algúns dos alicerceres sobre os que pivotan estes dez compromisos.

Reforzo dos servizos públicos

A portavoz nacional defendeu a necesidade de “pór no centro”  das políticas a vida das persoas. Para logralo, un dos compromisos é pór en marcha un Plan de Rescate de Atención Primaria, medidas para reducir as listas de espera en cirurxías e probas diagnósticas e dotar Atención Primaria de psicólogos e psicólogas clínicas.

Na educación, estabelécese o compromiso de aprobar no primeiro Consello da Xunta a gratuidade dos libros de texto para o curso 2024-2025 e ademais, garantir o servizo de transporte e comedor para o alumnado do ensino obrigatorio.

Pór a Galiza a producir e emprego de calidade

A creación de emprego de calidade será unha das “grandes prioridades de Goberno”, indica o BNG, con medidas como a posta en marcha dun Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en 8 puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 postos de traballo en sectores estratéxicos da industria galega até 2030. 

Tamén se contempla o impulso ao medio rural e costeiro e a produción de alimentos para avanzar cara á soberanía alimentaria, “mobilizando 100.000 hectáreas de superficie agraria útil e cun plan de protección, saneamento e rexeneración das rías”.

Economía da ciencia e innovación

O BNG asume o impulso do Pacto galego pola ciencia co obxectivo de alcanzar un investimento de 3% do PIB en 2030 e cunha aposta decidida” pola retención, captación e retorno de talento a través do Innogal”.

Loita contra a emerxencia climática e outro modelo enerxético“Poremos fin ao modelo enerxético depredador cun novo modelo enerxético ao servizo do país e respectuoso co medio con medidas como a creación dunha Empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz a familias e empresas, creación  de  comunidades enerxéticas e o fomento do  autoconsumo, tanto domiciliario como industrial”, recóllese no documento presentado sta cuarta feira.

Autogoberno e benestar

Outro dos compromisos explicitado pola portavoz nacional é o de impulsar a transferencia de 35 competencias pendentes, “abriremos unha negociación co Estado para un novo sistema de financiamento e impulso dunha nova proposta de status político para Galiza que nos permita ampliar a capacidade de decisión dos galegos e galegas”

Mobilidade e acceso a vivenda

“Apostaremos polo ferrocarril como medio de transporte de futuro reclamando do Goberno estatal a modernización do ferrocarril e creando un servizo de proximidade nas áreas urbanas máis poboadas”.

Ademais, comprométese o BNG a mellorar as frecuencias e liñas do transporte por estrada e crear unha tarifa plana de transporte intermodal por 30 euros ao mes.

En materia de vivenda, “desenvolveremos un plan para mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezos limitados e duplicar as axudas ao aluguer, en particular para a xente moza”.

Sociedade “máis xusta, igualitaria e feminista”

“Traballaremos para avanzar na igualdade creando unha Valedora de Igualdade que actúe ante as discriminacións por razón de xénero”, contémplase no documento.

No ámbito laboral privado, incrementarse os recursos de loita contra violencia machista e ningunha empresa que discrimine ás mulleres poderá recibir fondos públicos. “Defenderemos unha sociedade inclusiva, diversa e plural na que cada quen poida amar, sentir e ser o que queira ser”.

Lingua e cultura

Promoverase “un grande acordo nacional pola lingua galega”,  que consiga un consenso amplo de todos os axentes políticos, económicos e  sociais galegos para reverter a tendencia de perda de falantes que se vén dando na última década de forma moi acusada, “e os nosos creadores e creadoras terán un maior apoio da Xunta de Galiza”.

Galiza no mundo

O compromiso pasa por incrementar a cooperación ao desenvolvemento, para alén de “pór en marcha unha estratexia de cooperación con Portugal no económico, académico e nas infraestruturas priorizando a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo-Porto”.

Democracia e defensa dos dereitos e liberdades

Como 10ª compromiso, o BNG aposta por garantir “uns medios públicos independentes”, nos que a dirección da CRTVG sexa nomeada mediante concurso público.

“Reparto xusto dos recursos públicos, sen partidismos nin discriminacións. Defenderemos unha sociedade inclusiva, diversa e plural na que cada quen poida amar, sentir e ser o que queira ser”.

 

 

Comentarios