O director xeral contra a Violencia de Xénero elude analizar o caso do edil da Illa, que ve "unha decisión política"

"Non podo nin debo entrar en polémicas que son decisións orgánicas de partidos políticos", dixo.
Matías González Cañón, nunha intervención durante un acto do Partido Popular de Pontevedra. (Foto: PP)
photo_camera Matías González Cañón, nunha intervención durante un acto do Partido Popular de Pontevedra. (Foto: PP)

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Antonio Barba, rexeitou esta terza feira entrar a valorar a reincorporación ás filas do PP do concelleiro da Illa de Arousa que fora condenado por un delito de violencia de xénero —apartado hai un ano—, Matías González, alegando que se trata dunha "decisión política".

"Non podo nin debo entrar en polémicas que son decisións orgánicas de partidos políticos", dixo o director xeral, en resposta a preguntas dos medios sobre esta cuestión que, lembrou, "non é unha decisión da Xunta", polo que, en todo caso, "terían que contestar os responsábeis" de tomala.

Ao ser repreguntado sobre se non analizará cuestións deste tipo que afecten a calquera partido político, Barba engadiu que "en principio, non", dado que se trata "dunha persoa técnica" que se incorporou ao persoal da Xunta para "implementar medidas técnicas a fin de paliar a violencia de xénero". "Non podo entrar en decisións meramente políticas porque creo que non son o meu labor", finalizou.

Rueda avala ao edil

"Son feitos de hai máis de dez anos e xa cumpriu coa xustiza". Con esta frase avalaba esta segunda feira Alfonso Rueda na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno que Matías González se reintegrase no grupo municipal do PP na Illa.

Comentarios