18-F

As dúas correntes de Podemos Galicia afirman que concorrerán ás eleccións do 18 de febreiro

Fontes da formación morada, en declaracións a Nós Diario, apuntan a unha candidatura liderada por Isabel Faraldo en coalición con Alianza Verde.

Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda (Foto: Europa Press).
photo_camera Á esquerda, Isabel Faraldo; á dereita, Ximena Cheda (Foto: Europa Press).

Fontes de Podemos Galicia, en conversa con Nós Diario, salientan que “as cifras de participación na consulta da formación foron positivas, con 2.500 persoas inscritas que votaron”. Desde o partido morado aseguran que o partido morado participará nas eleccións galegas.

“A pregunta era se íamos Sumar e Esquerda Unida ou unicamente con Alianza Verde”, sinalan. “Acabamos de facer unha consulta para saber se entrabamos nunha confluencia ou non, concorreremos en solitario ou en coalición con Alianza Verde”, explican estas fontes.

Rexurdir Podemos non descarta máis alianzas

Pola súa parte, a líder de Rexurdir Podemos (o chamado sector crítico de Podemos Galicia), Charo Varela, en conversa con Nós Diario, non descarta posíbeis alianzas de cara ás eleccións galegas. “Nunca estivemos en desacordo de unirnos con outras formacións onde se respecte a Podemos e se respecte a identidade de Podemos”.

Varela di que están “moi contentos” porque conseguiron o non á coalición con Sumar. “Era moi importante para Rexurdir, levamos moito tempo dicindo que Podemos o que precisa é fortalecerse e ocupar o seu espazo, diferenciándose doutros colectivos que non demostraron a mesma coherencia nos últimos anos”, afirma.

A líder de Rexurdir deu os parabéns a Isabel Faraldo, que gañou as primarias de Podemos para encabezar a candidatura nas eleccións galegas, da que dixo que “é unha boa candidata”. “Nós aí estivemos, sabíamos que era difícil, mais estamos contentos cos nosos resultados”. Transformar Galicia (Faraldo) obtivo 41,66% dos votos mentres que Rexurdir Podemos (Varela) ficou en 34,66%. Até 23,68% das persoas inscritas abstivéronse.

“Non sabemos as posibilidades que se van dar, mais en principio e nesta situación, apostamos por unha candidatura para eleccións galegas, o contrario sería facer desaparecer a Podemos”, afirma a responsábel de Rexurdir. “Podemos é un partido que existe na Galiza desde hai 14 anos, non acaba de aparecer, que aparece na política neste momento é Sumar, aínda que non estabamos de acordo, a dirección de Podemos Galicia levaba moito tempo intentando ter contacto con Sumar, o cal foi rexeitado polo interlocutor até hai ben pouco”, explica Varela.

“Quen vén a romper é Sumar, que non ten ningún tipo de asentamento na Galiza, non existe militancia, quen debería preguntarse que apoios ten é Sumar, sendo un partido que leva moito tempo con arraigo na Galiza”, sinala. “Cambiar as cousas e dicir que Podemos rompe é mentira, pois está onde estaba hai un ano e hai oito anos, quen irrompe na política galega é Sumar, polo tanto hai argumentos que me sorprenden”, conclúe Varela.

Comentarios