A asemblea de EU-SON Porriño, a candidatura municipalista promovida por Esquerda Unida, debate o domingo 6 de novembro iniciar conversas co Partido Popular (PP) para promover unha moción de censura contra o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG.
Segundo sinalou na súas redes sociais EU-SON, o encontro ten como obxectivo “a toma en consideración da proposta do PP de inicio de conversas cara a facilitar coa nosa sinatura unha moción de censura promovida por este grupo”.
A proposta de moción de censura chega tras un acordo nese sentido adoptado pola órgano de dirección da formación o pasado 1 de novembro. A decisión xustifícana “ ante a situación de degradación que está a vivir o concello do Porriño por mor do desgoberno de Eva García de la Torre”.
Reaccións do PSdeG e do BNG
Os socialistas e nacionalistas xa teñen reaccionado a este anuncio de Eu-SON. Neste sentido, o secretario do PSdeG en Pontevedra, David Regades reclamou que “os partidos da esquerda na corporación municipal deben facer esforzos para sumar e chegar a acordos nas cuestións de interese xeral e superar discrepancias personalistas de curto percorrido e que en nada benefician aos veciños”
“Estou convencido de que o partido ao que pertence a vicepresidenta primeira do Goberno de España e deputada por esta provincia, Yolanda Díaz, non apoiará nin consentirá algo que supoñería un retroceso tanto para O Porriño como para a democracia en xeral”, conclúeo Regades.
O consello do BNG solicitou “ao grupo de EU-SON que se distancie da estratexia do PP e se aveña a favorecer políticas de esquerdas no Porriño. Un PP sen proxecto político que busca nos tribunais e no pleno bloquear o normal funcionamento do Concello en prexuízo do conxunto da veciñanza non pensa no ben común”.
“Un PP sen proxecto político que busca nos tribunais e no pleno bloquear o normal funcionamento do concello” afirmaron os nacionalistas, que sinalaron que “temos memoria e sabemos o que Alejandro Lorenzo e o PP representan no Porriño. Son a dereita máis clientelar e caciquil e o BNG non vai axudar a fortalecelos con comportamentos irresponsábeis”.
A corporación do Porriño está formada por 8 concelleiros do PP, 4 do PsdeG, 2 do BNG, 2 de EU-SON Porriño e 1 de UDDL. Precisamente, a socialista Eva García de la Torre chegou a alcaldía co votos destas tres últimas formacións e do seu partido.