A dirección executiva nacional de Esquerda Unida acordou unha resolución na que chama a combater “desde a unidade as políticas destrutivas que o Partido Popular leva exercendo” sobre Galiza “no último lustro”.
Na resolución, a dirección de Esquerda Unida considera que “as vindeiras eleccións autonómicas representan a oportunidade de frear a perda de dereitos, de tomar as rendas do crecemento social e económico”. E explica que “en aras de continuar co traballo en prol da unidade como camiño para artellar unha alternativa real para gobernar Galiza”, entende que a alternativa pasa “polo diálogo cos outros partidos da esquerda cos que xa traballamos e articulamos propostas políticas no noso pasado recente. Ofrecendo continuidade ao proxecto que iniciamos en 2012. Devolvendo a claridade e a simpleza ao mesmo”.
O texto remata co convite ás direccións de Podemos Galicia e Anova “a manter sendas xuntanzas na primeira quincena de Xaneiro, coa finalidade de poñer en común as nosas fortalezas para afrontar o reto que temos por diante”.