Esquerda Unida e Podemos rexeitan disolverse na Marea

Ningunha das forzas estatais que compoñen En Marea avalan a proposta de Luís Villares de tornar a organización nun partido político. Nen EU nen Podemos  Galiza teñen a menor vontade de desaparecer no seo da confluencia.

Eva Solla
photo_camera Luís Villares, Carmen Santos e Eva Solla, nun acto de En Marea

Sucédense as declaracións da dirixencia de En Marea. Mentres a confluencia enfía o camiño da primeira parte da asemblea constituinte, que se celebrará no mes de decembro e que terá a súa segunda volta após a asemblea estatal de Podemos, voces cualificadas das forzas políticas que conforman a plataforma, como Eva Solla, Carme Santos ou Iolanda Díaz, veñen de mostrar a súa oposición á proposta de Luís Villares de constituír un novo suxeito político partidario que superase ás partes sobre as que se fundou a coligazón. Máis unha desautorización ao candidato da confluencia á presidencia da Xunta de Galiza, que se suma á decisión da Coordinadora de En Marea de rexeitar unha parte das propostas que tiña formulado en relación cos meios humanos e materiais dos que disporá ao fronte do grupo parlamentar. Sexa como for, semella clara a negativa de Esquerda Unida e Podemos a disolverse para dar paso á nova organización

Podemos non se disolverá na Marea

Carme Santos, nunha xuntanza celebrada en Sarria o pasado 5 de Novembro, na que participaron círculos da organización do interior e da Mariña de Lugo, afirmou que “Podemos Galiza como organización política segue e non pasa a formar parte dun partido político novo”. As palabras da secretaria xeral de Podemos en Galiza, recibidas cos aplausos unánimes dos asistentes, expresan con claridade a postura da súa corrente, coa que tamén coincide nesta ocasión unha das pólas críticas da formación que xa rexeitaron no seu momento a constitución da coaligazón electoral. Malia que a propia Santos recoñeceu na xuntanza de Sarria que unha parte da organización en Galiza apoiaría a disolución de Podemos na Marea, en referencia ao sector errejonista, liderado por Antón Gomez Reino e Luca Chao, quixo deixar claro que “o acordo era integrarse nunha coaligazón electoral, non nun partido político novo”. A esta altura, poucas dúbidas existen de que a posición maioritaria dentro dos inscritos da formación morada é contraria a disolverse na nova organización que propugna Luís Villares.

Carmen Santos, en Sarria: “Podemos Galiza como organización política segue e non pasa a formar parte dun partido político novo”

O supervenres de Podemos reforza Carme Santos

Os resultados das primarias de Podemos, particularmente os de Madrid e os de Andalucía, onde as candidaturas apoiadas por Pablo Iglesias en coligazón cos anticapitalistas derrotaron as promovidas desde o sector errejonista, representan un balón de osíxeno para a secretaria xeral de Podemos en Galiza que apostou a súa supervivencia política ao triunfo dos primeiros. Porén, a Carme Santos seguen sen darlle as contas, enfrontada a un tempo aos errejonistas, aos anticapitalistas, encabezados pola parlamentaria por Pontevedra Paula Quinteiro, e a un novo grupo, esgazado da maioría que apoiou Santos, do que fan parte entre outros Xosé Zapata, Carlos Armada ou Eusebio Ónega. O último Consello Cidadán Galego de Podemos, máximo órgano de dirección da formación en Galiza e onde Carme Santos se atopa en minoría, viviu un novo capitulo do enfrontamento entre as partes, até o punto de que a secretaria xeral impediu a votación das propostas dos críticos, acudindo a unha argallada regulamentaria, para non saír derrotada, feito que fixeron constar na acta da xuntanza Gómez Reino e Luca Chao.

Eva Solla rexeita a disolución de Esquerda Unida na Marea

A secretaria xeral do Partido Comunista de Galiza e vicepresidenta segunda do Parlamento, nunha entrevista no número 221 do semanario Sermos Galiza, deixou clara a súa negativa “á disolución no seo de En Marea dos suxeitos políticos previos”, ao tempo que afirmaba que eu xa veño dun partido político [PCG] e xa teño unha organización máis ampla que é EU e non creo que necesitemos unha estrutura semellante a un partido orgánico”. A dirixente de Esquerda Unida, que na mesma entrevista declinou apoiar explicitamente Luís Villares como líder de En Marea, indicando que “é o presidente do grupo parlamentario” e que hai outros compañeiros e compañeiras valiosos no grupo e na organización, sinalou que para min En Marea ten que ser un catalizador dos movementos sociais e de contacto coas mareas municipais”. A posición expresada por Eva Solla sintetiza a perfección a liña de Esquerda Unida, cuxa influencia no grupo parlamentario de En Marea viuse reforzada co nomeamento como coordinador do mesmo de Xoán Fajardo, e coincide coa opinión expresada, nunha entrevista a Radio Galega, pola coordinadora da organización en Galiza, Iolanda Díaz. 

A influencia de EU no grupo parlamentar de En Marea viuse reforzada co nomeamento como coordinador do mesmo de Xoán Fajardo

A Coordinadora de En Marea desautoriza Luís Villares

A última xuntanza celebrada pola coordinadora de En Marea -organismo no que están representadas as diversas forzas políticas que a conforman así como algunhas das mareas municipalistas- rexeitou parcialmente a petición de meios humanos e materiais para o desempeño das súas funcións formulada por Luís Villares (apenas se lle concedeu unha persoa que cumprise as funcións de asistente, non así un chófer). A derrota neste episodio da posición do candidato de En Marea á Presidencia da Xunta vai máis alá dunha negativa á dotación de medios, e expresa a oposición dunha parte substantiva das forzas da confluencia, particularmente Podemos, Esquerda Unida e a Marea Atlántica, á folla de ruta de Villares, consistente na formación dunha nova forza política en base á disolución das organizacións existentes. Xa que logo, neste momento, o relevante xa non é determinar a lideranza orgánica do espazo político da confluencia, cun Luís Villares cada día máis cuestionado polos seus propios compañeiros e polos seus promotores internos, senón explicar como se vai reformular ese espazo político. A guerra sobre o futuro inmediato de En Marea está servida, falta por saber se as forzas políticas que no seu día conformaron a proposta á que lle puxo voz Villares deixarán caer o de Lugo.

Comentarios